A secretaria xeral para o Deporte destaca o traballo do Pantín Classic en prol do surf galego ao “dotalo de presenza, de importancia e de visibilidade no mundo” no seu 30 aniversario
Destacou o fomento da actividade do surf en Galicia a través do apoio a eventos como o Pantín Classic que “desde 2010 recibiu do Goberno galego máis de 400.000 euros” ou o “apoio constante á Federación Galega de surf a través dos convenios de subvencións anuais”
Madrid, 18 de xaneiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na tarde de hoxe na presentación dos ‘30 anos de Pantín Classic Galicia Pro’ enmarcada na Feira Internacional de Turismo celebrada en Madrid. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico cualificou ao Pantín Classic como “un dos mellores embaixadores e impulsores do surf de Galicia” ao “dotalo de presenza, de importancia e de visibilidade no mundo, colocar á nosa terra no mapa deste deporte e conseguir un recoñecemento internacional que medra cada ano”.
Asemade, Marta Míguez amosou o seu compromiso de “apoiar sempre aqueles deportes que xeren modelos de vida e saúde” e destacou o fomento da actividade do surf en Galicia a través do apoio a eventos como o Pantín Classic que “desde 2010 recibiu do Goberno galego máis de 400.000 euros” ou o “apoio constante á Federación Galega de surf a través dos convenios de subvencións anuais”.
No acto que tivo lugar no Pavillón de Galicia de FITUR en IFEMA, a secretaria xeral gabou os éxitos colleitados pola competición disputada desde 1988 na praia de Pantín como a “maior competición anual de surf en Galicia, a máis antiga de España e a cuarta máis lonxeva do mundo”. Ademais tamén sinalou que o labor levado a cabo nas súas 30 edicións fixo que acadara “as maiores distincións a nivel autonómico” como o mellor evento deportivo en 2009, a Distinción ao Mérito Deportivo en 2012, ou a declaración de Festa de Interese Turístico en 2016.
Na súa intervención, Marta Míguez fixo un relatorio dos “elementos naturais, sociais, deportivos e turísticos” que fan do Pantín Classic un evento tan singular. Nesta liña falou da natureza, destacando osarenais, os espazos Red Natura ou as 123 bandeiras azuis galegas; a hospitalidade das xentes de Galicia; o deporte de alto nivel que reúne en Valdoviño aos mellores surfistas dos dous circuítos mundiais; a aposta pola igualdade xa que a competición goza do máximo rango competitivo no nivel QS tanto na categoría masculina como feminina; e a cultura, a tradición, as paisaxes, o folclore e a gastronomía de Galicia en xeral.
Respecto á situación do surf en Galicia, a responsable do deporte en Galicia informou que Galicia é a segunda comunidade de España en número de licencias deportivas e clubs con actividade con 5.061 licencias das que 621 son competitivas e 27 clubs activos.
Epicentro do turismo de surf a nivel mundial
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que no ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame ‘Pantín Classic Galicia Pro’ ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional.
Neste senso, Nava Castro destacou que o 30 aniversario deste campionato situará a nosa comunidade no epicentro do turismo de surf a nivel mundial. “O Pantín Classic terá, un ano máis, en Galicia o mellor dos escenarios posibles, a costa galega que ofrece excepcionais condicións para a práctica deste deporte”, afirmou.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que cada vez máis, a práctica de deportes náuticos constitúe un dos motivos fundamental dos viaxeiros á hora de elixir un destino. Así afirmou que “este campionato volverá a ser un potente dinamizador turístico para esta zona e un exemplo en vivo do desenvolvemento turístico sostible e respectuoso coa preservación ambiental”.