A secretaria xeral para o Deporte inaugura o novo ximnasio municipal de Ponte Noalla, en San Cibrao das Viñas Escoitar
Na mañá de hoxe, Marta Míguez mantivo un encontro de traballo coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coa que avanzou nas actuacións deportivas que se levarán a cabo no presente exercicio na provincia
Ourense e San Cibrao das Viñas (Ourense), 27 de xaneiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou hoxe na inauguración do novo ximnasio municipal de San Cibrao das Viñas situado en Ponte Noalla. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou como obxectivo prioritario da Xunta de Galicia “crear as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa e contribuír ao benestar para acadar unha Galicia máis Saudable”.
Nesta liña, falou da nova instalación deportiva que abre as súas portas hoxe e cuxo equipamento foi financiado pola Xunta de Galicia a través dunha partida de 20.000 euros. A secretaria xeral animou aos veciños de San Cibrao a usar este novo equipamento para acadar unha vida máis activa e saudable que afaste “a posibilidade de contraer enfermidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física”.
Na mañá de hoxe, a secretaria xeral tamén mantivo un encontro de traballo coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coa que avanzou nas actuacións deportivas que se levarán a cabo no presente exercicio na provincia.