A secretaria xeral para o Deporte aposta polo deporte base como garantía de futuro para que Galicia “siga sendo referente nacional en moitas das disciplinas do automobilismo”
Anima “a todas as mulleres a competir, ben sexa dirixindo un coche, unha moto, unha bicicleta ou un barco de vela”
Salceda de Caselas (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no serán de hoxe no acto de entrega de premios dos Campionatos e Copas de Galicia 2016 da Federación Galega de Automobilismo. A titular de Deportes da Xunta de Galicia apostou por “continuar promovendo o deporte base como garantía dun futuro cheo de éxitos, para que Galicia siga sendo referente nacional en moitas das disciplinas do automobilismo”.
Na gala que tivo lugar no auditorio municipal de Salceda de Caselas, Marta Míguez felicitou a todos os premiados nas categorías de rally, rallymix, montaña, autocross, karting, slalom, todoterreo, regularidade e donas, e especialmente dirixiuse ás catro mulleres galardoadas por ser “o exemplo de que ningún ámbito está reservado exclusivamente para os homes”. Nesta liña, a secretaria xeral fixo un chamamento para animar “a todas as mulleres a competir, ben sexa dirixindo un coche, unha moto, unha bicicleta ou un barco de vela”. “Nesta nova etapa que encaramos temos un compromiso férreo coa igualdade, e abofé que o conseguiremos”, engadiu.
Nas súas verbas, Marta Míguez tamén tivo palabras de recoñecemento para o labor realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que “velan porque as competicións automobilísticas transcorran coa maior normalidade posible”. Ao fío desta idea, a secretaria xeral lembrou a importancia da seguridade neste tipo de probas e sinalou que “desde a Xunta estamos concienciados en acabar por completo con este problema, por iso levamos a cabo numerosas accións para sensibilizar tanto aos afeccionados como aos profesionais que traballan no eido do automobilismo” como a xornada acerca da seguridade e coordinación nas probas deportivas de motor celebrada en marzo en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
FGA
A Federación Galega de Automobilismo ten, neste intre, un total de 1.415 licencias federativas das cales 203 son femininas e 1.212 masculinas, así como 56 clubs con actividade.
No ano 2016, a Xunta de Galicia apoiou á Federación cunha partida de os máis de 140.966 euros, sendo a sétima federación con maior financiamento da Xunta.