Noticias
31/01/2017
Federativas

Marta Míguez garante que neste 2017 levaranse a cabo as reformas en Acea de Ama para que Galicia conte cun campo de béisbol e sóftbol homologado pola Federación Española

O investimento da Secretaría Xeral para o Deporte neste eido roldará os 50.000 euros

Culleredo (A Coruña), 31 de xaneiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou na tarde de hoxe os diferentes espazos deportivos e recreativos dos Parques Exterior e Acuático de Acea de Ama. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico ratificou o seu compromiso coas instalacións deportivas en Galicia e garantiu que a Secretaría Xeral para o Deporte “avaliará constantemente o estado das infraestruturas deportivas da Comunidade para que todos os galegos e galegas poidan realizar exercicio nas mellores condicións”. Nesta liña anunciou que “neste exercicio orzamentario de 2017, a Xunta de Galicia levará a cabo as reformas necesarias para acondicionar o campo de béisbol existente e acadar a súa homologación como campo de sóftbol para a competición en división de honor”. Deste xeito, o mesmo terreo de xogo servirá para disputar xogos de béisbol e sóftbol cumprindo coas bases de competición que esixe a Federación Española. Esta actuación permitirá que o Club Cambre -que acadou o ascenso á división de honor de sóftbol feminino- poida disputar os seus partidos no campo de Acea de Ama evitando desprazamentos. O investimento da Secretaría Xeral para o Deporte neste eido roldará os 50.000 euros.
Ademais, Marta Míguez visitou outros espazos que compoñen o complexo deportivo de Acea de Ama como as piscinas interiores e exteriores, vestiarios, sala de musculación e cardio, dúas salas de actividades, circuíto carreira saudable, campo de rugby, canchas de baloncesto, pista polideportiva exterior, campos de fútbol, pistas de pádel, pistas de tenis, así como oficinas e edificio multiuso exterior. Durante a visita a estas instalacións, a secretaria xeral salientou que “o bo estado dos espazos deportivos é unha motivación para dar o pulo necesario a esa xente que aínda non practica deporte e acadar unha Galicia máis saudable”. Nesta liña destacou a importancia do centro deportivo de Acea de Ama que “conta cunha ampla oferta para dar servizo a máis de 10.000 usuarios”.
No complexo deportivo de Acea de Ama, Marta Míguez puido conversar coas xogadoras de rugby Vanessa Rial e Paula Medín presentes nos Xogos Olímpicos de Rio e mais o ciclista Antonio Ferreiro Pajuelo. Estes tres atletas son deportistas galegos de alto nivel e no 2016 recibiron bolsas da Xunta de Galicia.
Na súa visita, Marta Míguez asegurou que deste xeito “continúa a rolda de toma de contacto cos deportistas e responsables das principais instalacións de titularidade autonómica”. Unha rolda de encontros que, segundo a secretaria xeral, servirán para a “coñecer as necesidades dos atletas e usuarios en cada espazo e poder intervir ao respecto”.