Noticias
04/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte destaca o salvamento acuático como “o deporte do que se beneficia toda a sociedade, socorristas e socorridos” no Campionato galego celebrado en Ourense

Nesta xornada, a titular de Deportes tamén acompañou aos participantes do trofeo San Sebastián no Club de Tiro Olímpico Eiroas, que nas vindeiras datas cumprirá 50 anos de historia

Ourense, 4 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, asistiu na tarde de hoxe ao Campionato galego de salvamento e socorrismo deportivo celebrado por terceiro ano na piscina Rosario Dueñas do Pavillón dos Remedios de Ourense.
A máxima responsable do deporte a nivel autonómico falou da importancia que ten o salvamento acuático para unha comunidade costeira como Galicia e valorou o traballo “daquelas persoas que protexen e atenden diferentes áreas acuáticas de deporte e recreación de uso público”. “O salvamento é o deporte do que se beneficia toda a sociedade, socorristas e socorridos”, engadiu.
Neste campionato galego, informou a secretaria, “participan ao redor de 300 deportistas de 11 clubs autonómicos nas categorías xuvenil, júnior, sénior e máster”.  A Xunta de Galicia investiu 17.967 euros na Federación Galega de Salvamento e Socorrismo ao abeiro do convenio asinado en 2016.
Nesta xornada, a titular de Deportes tamén acompañou aos participantes do trofeo San Sebastián no Club de Tiro Olímpico Eiroas, que nas vindeiras datas cumprirá 50 anos de historia. Marta Míguez destacou a importancia de todas as disciplinas de tiro (ao voo, olímpico e con arco) presentes no club ourensán e lembrou que estas tres federacións recibiron en 2016 un total de 83.145 euros.
Ademais, a secretaria xeral tamén asistiu ao partido disputado entre o Cidade das Burgas FS e o Burela FS correspondente á décimo sexta xornada da Primeira División de Fútbol Sala Feminino.