Noticias
16/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte destaca ao Rali do Cocido como “un referente rexional que aspira a converterse nun referente nacional” na presentación oficial da XXIII Edición

Refírese así ao “traballo ben feito” dun rally que xa forma parte do calendario do campionato galego e que este ano atópase en fase de preinspección para a súa integración no Campionato de España de Rallys de Asfalto

 
Lalín (Pontevedra), 16 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou hoxe na presentación oficial da XXIII edición do Rali do Cocido que terá lugar en Lalín entre o 3 e o 4 de marzo do presente ano. Nas súas verbas, a máxima responsable do deporte galego a nivel autonómico referiuse así ao “traballo ben feito” dun rally que xa forma parte do calendario do campionato galego e que este ano atópase en fase de preinspección para a súa integración no Campionato de España de Rallys de Asfalto. Nesta liña, Marta Míguez amosou a súa convicción de que a XXIV edición do Rali do Cocido “xa será unha realidade” no devandito campionato nacional. 
Na presentación que tivo lugar na Casa do Concello de Lalín, a secretaria xeral lembrou que “desde a Xunta de Galicia colaboramos como cada ano na organización deste evento e agardamos seguilo facendo durante moitos anos máis”. A continuación mostrou tamén o seu agradecemento á escuadra Lalín Deza “por todo o traballo feito e por ser especialmente sensibles coa seguridade do rally, un tema que nos afecta a todos”.
Cara o final da súa intervención, a titular de Deporte asegurou que “a espectacularidade das nosas probas, a calidade do noso deporte, a paixón da nosa afección e a profesionalidade do noso traballo fan que Galicia siga sendo referente nacional en moitas das disciplinas do automobilismo”.