A secretaria xeral para o Deporte asiste en Ourense ao Campionato Provincial de Xogade de campo a través que contou coa participación de preto de 600 nenos
Ademais, Marta Míguez tamén asistiu ao Campionato Galego de Rutinas de Nivel de Inverno de Natación Sincronizada e á gala 2017 do Club de Tiro Olímpico Eiroas
Ourense, 18 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, asistiu na mañá de hoxe ao Campionato Provincial de Xogade de campo a través que tivo lugar no complexo deportivo de Monterrei. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou a “importancia do deporte na educación dos máis cativos porque xera modelos de vida saudable que lles acompañarán ao longo da súa vida”.
Esta iniciativa está patrocinada polo programa Xogade que a Secretaría Xeral para o Deporte leva a cabo xunto as Federacións e Agrupacións Deportivas Galegas e que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida dende a Xunta de Galicia.
Os preto de 600 nenos e nenas que participaron nesta carreira representaron ás agrupacións deportivas de Monterrei, Limia, Valdeorras, San Rosendo, O Ribeiro, Arenteiro, Alta Limia e As Burgas.
Este é o terceiro cross ao que acode á secretaria xeral tras a súa participación no cross zonal Xogade de Pontevedra do pasado 23 de decembro no que participaron distintos clubs da provincia e 300 nenos e nenas, e o cross de centros escolares que tivo lugar na parroquia olívica de Zamáns o pasado 25 de xaneiro.
Natación sincronizada e Club de Tiro Eiroas
Ademais do Campionato Provincial de Xogade, Marta Míguez tamén asistiu ao Campionato Galego de Rutinas de Nivel de Inverno de Natación Sincronizada. A competición que tivo lugar na piscina Rosario Dueñas do Pavillón dos Remedios, está organizada conxuntamente pola Federación Galega de Natación (FEGAN) e o Club Sincro Ourense. O campionato galego desenvolveuse nas tres categorías de alevín, infantil e junior-absoluta.
Para rematar a xornada, a secretaria xeral para o Deporte asistiu á gala 2017 do Club de Tiro Olímpico Eiroas na que se fixo entrega dos trofeos dos campionatos provinciais da Federación Galega de Tiro Olímpico correspondentes a 2016 e do Trofeo San Sebastián 2017. Marta Míguez destacou a importancia de todas as disciplinas de tiro (ao voo, olímpico e con arco) presentes no club ourensán que cumpre 50 anos neste 2017 e lembrou que estas tres federacións recibiron en 2016 un total de 83.145 euros.