Noticias
07/04/2017
Federativas

A Xunta de Galicia apoia un ano máis o circuito de golf Cenor Camiño de Santiago que chega á súa décima edición

O subdirector xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte asegurou que “esta décima edición do circuíto será tan especial como as nove anteriores pero incluso mellor, porque é este un evento que cada ano se supera”

Santiago, 7 de abril de 2017.- O subdirector xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Miguel López, participou na mañá de hoxe na presentación do X Circuíto de Golf Cenor Camiño de Santiago que terá lugar en Galicia, Navarra, País Vasco, Cantabria e Asturias con nove probas clasificatorias e a gran final nas que se espera unha participación superior aos 800 xogadores.
O subdirector xeral salientou a natureza galega como “a primeira motivación dos viaxeiros para visitar a nosa comunidade” polo que sinalou a importancia de encher estes espazos con “contidos especiais” como o Circuíto de Golf Camiño de Santiago. “Non teño dúbida de que esta décima edición do circuíto será tan especial como as nove anteriores pero incluso mellor, porque é este un evento que cada ano se supera”, engadiu.
Tras apuntar que “desde a Xunta de Galicia continuaremos apoiando ano tras ano iniciativas deste tipo que benefician ao noso deporte, ao noso turismo e, como non, á nosa economía”, Miguel López desexou sorte aos participantes que completarán o circuíto.
O Circuíto de golf Cenor- Camiño de Santiago leva celebrándose ininterrompidamente desde o ano 2008 consolidándose como un dos circuítos amateurs por parellas máis importantes do norte de España.