CICLISMO: Os gañadores do Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC festexaron os seus títulos en Oroso
O Open de Galicia – Anova de Cross Country Olímpico (XCO) celebrou a súa décima xornada en Oroso.
O Open de Galicia – Anova de Cross Country Olímpico (XCO) celebrou a súa décima xornada en Oroso, nunha cita que tamén supuxo a clausura da quinta edición do Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC. Os elites Manuel Parada (Barbanzabike) e Nuria Senra (Eskornabois) festexaron os seus títulos provinciais impoñéndose nas súas carreiras. Un dobre éxito que tamén acadaron os cadetes Roi López (Compostelano) e Andrea García (Cambre – Caeiro), e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Castro Barbudo).
O resto de bikers que se coroaron como mellores deportistas do certame coruñés tras seis probas puntuables foron os júniors Jonathan Barreiro (Compostelano) e Alba Arias (Arteixo – MB3), o sub23 Marcos Roca (Betanzos), o máster-30 Iván Pereira (Barbanzabike) e o máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling). O Tambre Bike organizou este evento que reuniu a un centenar de corredores no Coto da Costa.
A intensa calor disparou a esixencia dun circuíto no que Parada volveu confirmar a súa condición de dominador do XCO galego durante este curso. Unha vez máis, tivo ao sub23 Samuel González (Salvaterra) como principal adversario, e nesta ocasión o líder elite venceu con 2 minutos e 49 segundos de vantaxe. Mauro González (Salvaterra) e Saúl López (Academia Postal – Actyon – MMR), terceiro e cuarto respectivamente na liña de meta, escoltaron ao representante do Barbanzabike no podio elite.
Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e Sara García (Del Mar de Mugardos) en júniors, Daniel Rodríguez (Máster da Louriña) nos másters-30 e Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 completaron o cadro de gañadores en Oroso.
Novo líder cadete no Open
Á falta de seis xornadas para a conclusión do Open de Galicia – Anova XCO, o ranking cadete segue brillando pola súa emoción. Roi López co seu triunfo desbancou da primeira posición a Jorge Fernández (Coruxo). Nesta categoría hai catro corredores pugnando polo título.
Nas outras nove clasificacións non hai novidades. Parada e Senra manda en elites; Raúl Carracedo (Academia Postal – Actyon – MMR) nos sub23; Adrián Barros (Coruxo) e Alba Arias en júniors; Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) nas cadetes; Pereira nos masters-30; Trasbach nos másters-40 e Castelo nos másters-50/60. A vindeira cita puntuable terá como escenario a localidade ourensá do Carballiño este sábado, día 24.