HALTEROFILIA: Resultados obtidos polas participantes galegas no Campionato de Europa júnior disputado en Durrës (Albania) do 15 ao 21 de outubro de 2017
Noelia García Suárez e Irene Blanco Tarela foron as dúas deportistas galegas que tomaron parte no evento.
Unha vez rematado o Campionato de Europa júnior, os resultados obtidos polas nosas dúas deportistas representantes e compoñentes do equipos nacional foron:
Noelia García Suárez (1997 - 20 anos), campioa de España junior na categoría de -53 quilos participou nesta categoría. O seu peso foi de 52,80 quilos e as súas marcas:
Arrancada: 76,0 quilos 5ª clasificada.
Dous tempos: 83,0 quilos 11ª clasificada.
Total olímpico: 159,0 quilos 10ª clasificada.
Desta deportista habemos de considerar que realizou unha boa competición na modalidade de arrancada e bastante frouxa na de dous tempos, o que a fixo descender do 5º ao 10º posto.
Non logrou a súa marca persoal, e con toda seguridade, non estivo o suficientemente recuperada da viaxe porque esta categoría de peso, xunto coa de -48 quilos son as primeiras en competir. Sempre compite ao principio do evento e a viaxe cansa bastante os/as deportistas, ademais do cambio que supón estar adestrando todo o ano nunha cidade e en dous días ter que competir noutra con diferente clima, diferentes horarios de comidas, etc.
Irene Blanco Tarela (2002), de tan só 15 anos, campioa de España infantil e xuvenil na categoría de 75 quilos e subcampioa de España júnior e absoluta na categoría de -90 quilos competiu nesta mesma categoría de peso. O seu peso corporal foi de 85,40 quilos e as súas marcas:
Arrancada: 84,0 quilos 9ª clasificada (Récord de Europa Sub-15).
Dous tempos: 102,0 quilos 9ª clasificada (Récord de Europa Sub-15).
Total olímpico: 186,0 quilos 9ª clasificada (Récord de Europa Sub-15).
Desta nova deportista (só 15 anos) habemos de significar que era a máis nova da competición; competía contra deportistas que lle levaban entre 4 e 5 anos (nestas idades un ano é todo un mundo). Clasificouse entre as dez mellores deportistas de Europa na categoría de -90 quilos de peso corporal e ademais que estableceu cinco novos récords de Europa Sub-15 na categoría de 75 quilos. Os anteriores récords continentales eran:
Arrancada: 82,0 quilos, que ela mesma lograra no Campionato do Mundo sub-17, Bangkok (Tailandia) o 10 de abril de 2017.
Dous Tempos: 95,0 quilos. Tíñao a ucraniana Anastasia Vlasenko, que o logrou en Nowy Tomyls (Polonia) o 10 de setembro de 2016.
Total Olimpico: 176,0 quilos, que ela mesma establecera en Bangkok (Tahilandia) o 10 de abril de 2017.
Os cinco récords continentais da de Irene Blanco Tarela foron os xa expostos, aínda que antes xa lograra establecer outros, é dicir, en arrancada con 84,0 quilos fixo un récord; en dous tempos logrou dous récords, xa que saíu con 97,0 quilos ,rompendo o récord de 95,0, e a continuación volveu batelo con 102,0 quilos. No total olímpico tamén logrou dous novos récords continentais con 181,0 e 186,0 quilos respectivamente. Podemos considerar excelente a actuación desta moza deportista, que ten unhas calidades especiais, e que con tan só dous anos de adestramento e un con esixencia de alta competición, se codea con deportistas que teñen catro e cinco anos máis ca ela.