Noticias
20/11/2017
Eventos

CICLISMO: Copa Galicia de Ciclocross 2017. Feijoo e Trabazo retomaron a súa xeira de triunfos no Rosal

Os dous dominadores da Copa Galicia 2017 regresaron pola porta grande ao certame autonómico na súa quinta xornada.

Clasificacións do XX Trofeo Montes de Eiras de Ciclocross
 
Os dous dominadores da Copa Galicia 2017 regresaron pola porta grande ao certame autonómico na súa quinta xornada. Despois de perderse a anterior cita puntuable pola coincidencia coa Copa de España, Iván Feijoo e Irene Trabazo retomaron a súa xeira de triunfos na localidade pontevedresa do Rosal. O sub23 do Academia Postal-Actyon-MMR de Maceda sumou a súa terceira vitoria e reforzou o seu liderado na táboa masculina, mentres que a sub23 do Marín Ottoman asinou o seu cuarto éxito do curso e recuperou a primeira posición na clasificación absoluta feminina.
Os outros gañadores na vixésima edición do Trofeo Montes de Eiras foron Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Ana Santos en cadetes, Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - MMR) e Jessica Costa (ASC) en júniors, Roberto Ferreira e Isabel Castro (Condado Bike) en elites, Montserrat Martínez (Viana) nas másters, Luciano Carretero (Cambre - Renault Caeiro) nos másters-30, Marco Antonio Prieto (MMR Bikes) nos másters-40 e Javier de la Fuente (Norinver) nos másters-50/60.
Nunha tarde cunha temperatura máis propia da primavera que de mediados do mes de novembro, as subidas técnicas e as zonas de area resultaron determinantes no circuíto deseñado polo Club Ciclista O Rosal na Praia das Eiras. Iván Feijoo sentiuse cómodo dende o principio neste trazado e venceu de xeito incontestable na proba elite e sub23 masculina.
"Na primeira volta fun controlando e a partir de aí puxen o meu ritmo para ir pouco a pouco abrindo oco. O circuíto era rápido e víñame ben", explicou o corredor de Allariz, que levantou os brazos despois de 1 hora e 15 segundos de esforzo. A 1:19 de Feijoo rematou Roberto Ferreira, primeiro elite. O podio absoluto completouno Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas), superando por 11" a Darío Otero (Muebles Compostela), a quen lle arrebatou o maillot de líder elite.
Despiste inicial
A anécdota da carreira raíña feminina protagonizouna a gañadora Irene Trabazo. A marinense pensou que se trabucara de camiño na saída cando encabezaba a proba. As súas dúbidas aproveitáronas tres corredoras para adiantala e a líder sub23 viuse obrigada a remontar: "Recuperei rapidamente e púxenme de primeira despois de pasar tres curvas. A base de poñer ritmo fun ampliando a miña vantaxe e ao final adiqueime a controlar porque sabía que por detrás viña Isabel Castro". Cun tempo de 41:36, Trabazo aventaxou en preto de dous minutos á elite Castro, que por mor deste resultado cede o primeiro posto no ranking absoluto.
No resto das categorías non hai cambios nas clasificacións xerais. Continúan como líderes Laura Capa (Farto) e Miguel Rodríguez en cadetes, Jessica Costa e Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) en júniors, Montserrat Martínez nas másters, Andrés Calvete (Cambre - Renault Caeiro) nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40 e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos másters-50/60. A Copa Galicia celebrará a súa sexta xornada este domingo en Poio.
 

Iván Feijoo durante a quinta xornada da Copa Galicia 2017 de Ciclocross