Convocatorias
20/11/2017

A secretaría xeral para o Deporte modificará a orde de axudas a entidades deportivas de cara ao ano que vén para evitar incidentes violentos nas competicións galegas

Esta acción complétase co acordo parlamentario polo que a Xunta non patrocinará os eventos que premien de xeito diferente as categorías masculina e feminina e coa creación da Comisión Galega de Control da Violencia, que neste intre se atopa en trámite

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de anunciar a modificación da orde de axudas a entidades deportivas de cara ao ano que vén para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia.

Deste xeito, non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións “os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas que foran sancionados pola federación deportiva correspondente no ano anterior á convocatoria, cando a sanción teña a súa orixe en condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas espectadoras e asistentes”. Do mesmo xeito, tampouco poderán optar a estas axudas quen “discrimine nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero”.

Esta acción completa o acordo parlamentario acadado con motivo do Debate de Estado de Autonomía polo que a Xunta de Galicia deixará de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e feminina. Neste sentido, a Secretaría Xeral para o Deporte incluirá nos devanditos convenios de patrocinio de eventos deportivos unha cláusula pola que os organizadores dos eventos deberán cumprir o disposto no decreto lexislativo 2/2015 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e tratar o deporte feminino en completa igualdade co deporte masculino, non só na convocatoria, participación e repercusión destes eventos senón tamén nos premios que se outorguen a cada unha das categorías.

Comisión Galega de Control da Violencia

Cómpre lembrar tamén que, tocante ás accións levadas a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte para a erradicación dos comportamentos violentos, a Comisión Galega de Control da Violencia foi presentada o pasado luns 12 de xuño como unha comisión que dará resposta ás denuncias e incidentes naquelas competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico, provincial, zonal ou local. Galicia debe dentro das posibilidades que lle outorga o marco legal, ocuparse do control da violencia en instalacións deportivas e espectáculos deportivos. O obxectivo é acadar un deporte galego máis pacífico e saudable, onde a xente goce, gañe ou perda o seu equipo e amén os xogadores e as xogadoras na pista, de xeito que se garanta o deporte como opción para toda a vida.

O proxecto de decreto de creación desta comisión xa pasou o trámite de participación cidadá e foi sometido á audiencia das federacións deportivas galegas. No momento actual o Consello Superior de Deportes debe emitir o informe de valoración.