Noticias
30/10/2018
Institucionais

Marta Míguez supervisa o estado final das obras realizadas nos concellos de Castrelo de Miño e Cenlle a tenor do convenio de colaboración coa Deputación de Ourense

Segundo os Orzamentos da Comunidade Autónoma, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará neste 2018 unha contía de 3.485.313 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia

Castrelo de Miño e Cenlle (Ourense), 30 de outubro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá de hoxe os concellos ourensáns de Castrelo de Miño e Cenlle onde supervisou o estado das infraestruturas reformadas a tenor do convenio asinado o pasado mes de setembro de 2017 coa Deputación de Ourense para a realización de obras nas distintas instalacións deportivas da provincia. Segundo este convenio que conta cun orzamento de 1.027.658,57 euros, a Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona 500.000 euros (400.000 na anualidade de 2017 e 100.000 na de 2018) e a Deputación Provincial de Ourense achega 527.658,57 euros na anualidade de 2018.

No caso do concello da Castrelo de Miño, a responsable do Deporte Galego visitou as obras realizadas no Parque Náutico para a renovación das pasarelas de acceso e sistema de fixación dos tres pantaláns existentes que debido ao seu deseño e estado 
ocasionaban en momentos de variacións extremas do nivel da auga ou vento forte, que os pantaláns se desprazaran provocando que as pasarelas de acceso caian á auga, producíndose danos na estrutura. Deste xeito realizouse un cambio no sistema de fixación que utiliza as propias pasarelas como elemento de fixación a modo de biela. Este sistema garante que as pasarelas nunca cheguen a desprazarse, por estar fixadas por un sistema de articulación a propio pantalán, similar ao utilizado na fixación a terra. Estas actuacións contaron cun orzamento de 21.671,55 euros.

Por outra banda, no concello de Cenlle realizáronse obras de acondicionamento do muro de peche e das edificacións anexas do campo de fútbol, coincidindo ademais que no ano 2017 o equipo de fútbol de Cenlle celebrou o seu 50º aniversario. Deste xeito, realizouse a limpeza da maleza existente no muro perimetral da parcela revisando o estado da cimentación do muro de peche. O tramo do muro que se atopaba en peores condicións reforzouse mediante o adosado de pilastras de bloque de formigón. Ademais salpicouse todo o muro perimetral con morteiro de agarre reforzado con malla de fibra de vidro, recheáronse os ocos de muro de bloque nos 30 piares existentes, enluciuse o muro, reformouse a cuberta metálica das edificacións anexas mediante pintado, colocouse unha reixa de recollida de augas na cafetería, pintáronse os dous portalóns metálicos existentes e repúxose a capa de cuberta da grada. Estas actuacións contaron cun importe de 32.987,02 euros.

Cómpre sinalar que, segundo os Orzamentos da Comunidade Autónoma, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará neste 2018 unha contía de 3.485.313 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia.

De cara ao novo exercicio orzamentario de 2019, a secretaria xeral avanzou que a Secretaría Xeral para o Deporte volverá a priorizar a construción e mellora das instalacións deportivas de Galicia, tanto propias como as de titularidade municipal, para continuar optimizando a rede de infraestruturas deportivas de Galicia.