Noticias
14/11/2018
Institucionais

Feijóo defende o apoio aos deportistas galegos durante toda a súa traxectoria e destaca o incremento en máis dun 10% dos presupostos para o deporte

Enxalza e agradece o traballo de todas as persoas e entidades galardoadas e a súa contribución na construción dunha Galicia máis activa, máis saudable e, en definitiva, dunha Galicia mellor 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe o apoio aos deportistas galegos durante toda a súa traxectoria e destacou o incremento en máis dun 10% dos orzamentos para o deporte.

 Durante o acto de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2018, Feijóo destacou o compromiso da Xunta por que o éxito das categorías inferiores non se esvaeza polo camiño, senón que se traslade ás categorías absolutas. E enxalzou e agradeceu o traballo de todas as persoas e entidades galardoadas e que contribuíron e, en moitos casos, seguen contribuíndo ao crecemento, promoción e excelencia do noso deporte.

 Así, referiuse ás historias únicas de Jesús Iglesias, que conseguiu crear máis de 100 escolas de tenis na Comunidade; á de José García, “que logrou impartir xustiza nos campionatos mundiais de hockey sobre patíns que arbitrou”; e a de Nieves Gamallo, que foi quen de transmitir como adestradora o que previamente aprendeu como xogadora de balonmán.

 “En todas elas atopamos talento, esforzo, perseveranza e traballo en equipo”, dixo, facendo un chamamento tamén á iniciativa privada para que aposten polas deportistas galegas. “Apostar polas nosas deportistas é unha aposta con garantías de éxito”, dixo, lembrando que a Comunidade galega pode presumir dunha canteira envexable de mulleres nun sinfín de disciplinas: Támara Echegoyen, Susana Rodríguez, Irene Blanco ou Ana Peleteiro, entre outras moitas.

 Así mesmo, subliñou que se hoxe Galicia pode presumir do deporte é polo traballo que fixeron deportistas, adestradores, directivos e xornalistas, aseverando, por exemplo, que grazas ás leccións de Alfonso Pazos, á entrega de Jesús Iglesias e o cariño de Paulino Martínez, moitos rapaces atoparon no baloncesto, no tenis e no balonmán a súa paixón. “Grazas á xustiza sabiamente impartida por José García e Teresa Martínez, importantes encontros de hockey sobre patíns non só serán recordados polas súas xogadas, senón tamén polo seu xogo limpo. E grazas á capacidade de superación do judoka Francisco ‘Pucho’ Boedo e á resiliencia do ciclista Pablo Rodríguez, o deporte galego non coñece ningún tipo de barreira”, engadiu.

 Nesta mesma liña, referiuse ao traballo realizado por Juan Carlos Conde e Julia Estévez: “O primeiro non só logrou ser campión europeo de Full Contact en nove ocasións, senón tamén formar a grandes deportistas; e a segunda incorporou, hai máis de 50 anos, tanto a Ximnasia Deportiva como a Rítmica á práctica deportiva feminina en centros de ensinanza”, precisou.

 No eido do atletismo, tivo palabras de recoñecemento para Alberto Torreiro, “un mecenas do deporte e un mito do atletismo compostelán e galego”; para Javier Álvarez, atleta olímpico de longa distancia que conta con importantes títulos nacionais e internacionais; para José Teixeira, incansable corredor con multitude de títulos ás súas costas, como ser tres veces campión de España de 3.000 metros obstáculos; para Luís Nogueira, récord do mundo de veteranos en lanzamento de xavelina; e, para Natividad Astray, “que non só conseguiu ser campioa de España de salto de lonxitude, de 80 e 50 valos e de pentatlón, senón que os seus éxitos contribuíron a despexar o camiño cara a igualdade de xénero no deporte”.

 “Hoxe as nosas deportistas poden inspirarse en Natividad Astray, pero tamén en Nieves Gamallo”, afirmou, lembrando que esta última non só desfrutou do balonmán como xogadora, senón que tamén fixo desfrutar a moitas rapazas que, como ela, atoparon neste deporte a súa paixón.

 Ademais de recoñecer o mérito dos mellores deportistas galegos, o presidente da Xunta salientou o importante labor desenvolvido polos seus directivos: o espírito olímpico de Conrado Durántez; o liderado de Evaristo Portela, primeiro como ciclista e despois como directivo; a capacidade de colaboración de Guillermo González; e a visión de futuro de José Fernández.

 “Sen eles, o olimpismo, o ciclismo, o fútbol sala e o tenis de mesa non serían o que son hoxe”, sentenciou, referíndose tamén á traxectoria do xornalista Manuel Losada, colaborador da sección de deportes do Faro de Vigo durante os últimos 40 anos. “O gremio de Manuel Losada relatounos un sinfín de acontecementos deportivos: as xogadas de Cesáreo Rivera, ex xogador do Sevilla e do Celta que viviu o debut do equipo vigués na Copa da UEFA; os pases e os puntos do ex xogador de baloncesto Ismael Santos, internacional con España en todas as categorías; as efectivas estratexias de Pepe Casal, que formou parte do corpo técnico da Selección Española de Baloncesto cando se colgou a prata en Pequín 2008; os logros do remeiro Mauricio Monteserín, olímpico en Sidney e 17 veces campión de España; e as leccións do adestrador Victorio Alonso, que non serán esquecidas polos rapaces aos que con tanto cariño e profesionalidade adestrou”.

 Por último, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para a destacada traxectoria no eido do deporte do Colexio Manuel Peleteiro.

 O presidente da Xunta aseverou que estas 26 traxectorias marcaron un antes e un despois no deporte galego. “Todos os premiados emprenderon un camiño que agora deben continuar as novas xeracións de deportistas, adestradores, directivos, comunicadores”, afirmou, agradecendo a contribución de todos os galardoados na construción dunha Galicia máis activa, máis saudable e, en definitiva, dunha Galicia mellor.

 Por último, o responsable do Goberno galego aproveitou o acto para trasladar unhas palabras de recoñecemento a Suso Morlán, que lamentablemente nos deixou o pasado domingo e que axudou a David Cal a conseguir cinco medallas olímpicas.