Noticias
22/11/2018
Institucionais

Marta Míguez salienta a importancia do calendario de CocaCola polo que supón de recoñecemento dos deportistas galegos de multitude de modalidades deportivas

A secretaria xeral para o Deporte lembrou que “cada folla do calendario ten unha mensaxe para a protección da nosa natureza” o que multiplica o valor do mesmo e fala unha vez máis da transversalidade do deporte en Galicia.

A Coruña, 22 de novembro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte participou esta mañá no acto de presentación do calendario de CocaCola, un acto no que estiveron presentes a práctica totalidade dos deportistas recoñecidos no mesmo. Marta Míguez incidiu na importancia da transversalidade do Deporte e lembrou que o calendario deste ano “está comprometido co deporte galego, como todas as edicións anteriores pero nesta ocasión, tamén co desenvolvemento sostible e co cuidado do medio ambiente” con mensaxes en cada folla do calendario para a protección do noso patrimonio natural. Deste xeito, lembrou, “súmase a ese gran pacto pola defensa do medio no que vivimos” porque “a Xunta de Galicia aposta por un deporte que conviva en paz e harmonía coa natureza, co noso entorno e con todo o conxunto da sociedade”.

A Secretaría Xeral para o Deporte salientou que “as fotos do calendario son preciosas con paraxes extraordinarias de Galicia” e agradeceu a CocaCola que teña este tipo de iniciativas porque “xuntando patrocinio e Deporte Galego, todo o mundo gana”.

Marta Míguez lembrou a relevancia dos 13 deportistas en cada un dos seus ámbitos e así destacou “a pericia sobre rodas” de Ivan Feijoo como mostran os seus campionatos de España júnior e sub-23 e a participación na Copa do Mundo absoluta de ciclocross, “a

precisión e puntería” de Martín Freire demostrada nos campionatos de España de tiro júnior e cadete, a “habilidade cun balón nas mans de Paula Ginzo” que xa foi quen de acadar campionatos de Europa sub 16, sub 18 e sub 20 e un terceiro posto no campionato do Mundo 3x3 sub 18 (deporte que será olímpico en Toquío).

Do mesmo xeito salientou a “resistencia na longa distancia de Alejandro Montero” posta de manifesto nos campionatos galegos, de España e a participación en Campionatos de Europa de 5.000, 10.000 e campo a través, a “habilidade de salvar vidas de Antía García que lle valeu varias medallas internacionais e un récord mundial difícil de superar en salvamento e socorrismo”, a “capacidade de liderado que levou a Helia González” a acadar cinco súperligas, dúas copas da raíña e dúas supercopas de voleibol ademais de todos os premios individuais e máis de cen internacionalidades, “o bo ollo e mellor pulso de Iván Lindín” en tiro con carabina co que obtivo dous campionatos de España de aire comprimido e armas olímpicas.

Ademáis, a Secretaria Xeral para o Deporte, remarcou “o asombroso nivel de navegación de Jacobo García e Antoni Ripoll”, campións de Europa e do Mundo júnior na clase 420 (que comparten o mes de marzo no calendario), “a superación de Jacobo Garrido” que o levou a gañar campionatos de España, medallas internacionais e unha participación inesquecible nas World Series de Berlin de natación con varios récords no seu haber, a destreza sobre os patíns de Marina Oliveras” que xa é campioa do Mundo de freestyle, “a forza de Pablo Dapena na media, longa e distancia olímpica” que o fixo tamén campión do mundo de tríatlon e “a disciplina no tatami de Ruth Lorenzo, campioa de España de karate”.

Marta Míguez lembrou que estes 13 nomes pasan a formar parte da lista de 118 deportistas galegos e campións nos calendarios de Coca Cola. Unha lista “na que a igualdade é a principal característica” porque “dese total de aparicións de deportistas galegos nos calendarios de Coca Cola, un 52% son homes e un 48% mulleres” e porque “case o 20% representan a diversidade”.