Noticias
10/02/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca o piragüismo como “un deporte de nós que nos ten acompañado ao longo de tantos anos e que ten levado tantas alegrías aos nosos fogares”

Recorda que a Federación Galega de Piragüismo é unha das federacións con maior número de licenzas (4.253) e a que máis cartos recibe ata chegar aos 371.824 euros en 2018 recibindo 3,55 millóns de euros desde 2009

Lugo, 9 de febreiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala do Piragüismo Galego. Alí, o máximo responsable da carteira deportiva da Xunta destacou o piragüismo como “un deporte galego, un deporte de nós, un deporte que nos ten acompañado ao longo de tantos anos e que ten levado tantas alegrías aos nosos fogares”.

Ao fío desta idea, Lete Lasa recordou que a Federación Galega de Piragüismo é unha das federacións con maior número de licenzas (4.253) e destacou o incremento nos últimos anos do porcentaxe feminino (29%), así como o número de deportistas galegos de alto nivel DGAN (78) e deportistas de alto nivel DAN (67). “Por iso, dixo, a Federación Galega de Piragüismo é a federación deportiva galega que máis cartos recibe ata chegar aos 371.824 euros en 2018 recibindo 3,55 millóns de euros desde 2009. “Unha cifra que intentaremos mellorar neste 2019”, concluíu.

Tras facer un breve percorrido pola historia da canoa, o secretario xeral apuntou que Galicia soubo aproveitar a transición da piragua que pasou de ser “un medio de transporte de persoas, animais e produtos de primeira necesidade a converterse, por exemplo, en deporte olímpico en Berlín no ano 1936”. O piragüismo é o deporte que máis galegos ten levado ás citas olímpicas cun total de 17 deportistas.

Neste sentido, felicitou aos galardoados no día de hoxe. Por unha banda, os deportistas, entre os que destacan Cristian Toro, Antía Jácome, Tania Fernández e Tania Álvarez como mellores piragüistas, pero tamén ao colectivo de adestradores, árbitros, equipos, organizadores, comunicadores, patrocinadores e institucións que crean “unha infraestrutura deportiva idónea”.