Noticias
21/02/2019
Institucionais

Lete Lasa sitúa a Galicia como un referente no fútbol sala feminino na recepción ás integrantes galegas da selección que vén de proclamarse campioa de Europa

Esta homenaxe rendeuse ás tres xogadoras galegas da selección que son Vanesa Sotelo (Ourense) -mellor xogadora do campionato-, Silvia Aguete (Pontevedra), Lucia Gómez (A Coruña), así como Patricia González, que a pesar de ser de Madrid xoga no Pescados Rubén Burela FS. O adestrador de porteiras compostelán, Ramón Barreiro, e o preparador físico pontevedrés, Adrián Paz, tamén foron recoñecidos

Vigo, 20 de febreiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou no serán de hoxe na sede olívica da Real Federación Galega de Fútbol na recepción realizada ás xogadoras e ao corpo técnico da selección española feminina de fútbol sala que vén de proclamarse campioa de Europa no torneo celebrado en Gondomar (Portugal).

Concretamente, esta homenaxe rendeuse ás tres xogadoras galegas da selección que son Vanesa Sotelo (Ourense), que tamén foi elixida mellor xogadora do campionato, Silvia Aguete (Pontevedra), Lucia Gómez (A Coruña), así como a Patricia González, que a pesar de ser de Madrid xoga no Pescados Rubén Burela FS. O adestrador de porteiras compostelán, Ramón Barreiro, e o preparador físico pontevedrés, Adrián Paz, tamén foron recoñecidos.

O máximo responsable do Deporte galego agradeceu o traballo e o esforzo das integrantes deste magnífico equipo que tras acadar este éxito “levará a moitos mozos e mozas ás rúas a practicar fútbol sala e seguir soñando que eles tamén poderán levantar un día unha Copa de Europa”.

Ademais, Lete Lasa gabou a calidade e historia do fútbol sala feminino galego recordando xestas como a do Club Sal Lence nos anos 90, “catalogado por moitos como o mellor equipo da historia do fútbol sala feminino”. “O deporte galego non se conforma, chega ao máis alto e continua traballando para non caerse dos primeiros banzos”, engadiu.

Tras recoñecer o traballo da adestradora do grupo, Claudia Pons, o secretario xeral amosou o seu convencemento de que esta selección e estas xogadoras “seguirán a colleitar grandes éxitos” onde estará presente Galicia como “un referente nesta especialidade deportiva”.