Noticias
15/03/2019
Institucionais

Lete Lasa sitúa a loita contra a obesidade coma "un problema complexo que precisa unha solución global" e destaca o traballo da Xunta a través de Galicia Saudable e Xogade

Ratifica "o compromiso da Xunta na promoción da actividade física e de hábitos de vida saudable para axudar a a evitar as enfermidades non transmisibles fomentando o benestar das galegas e galegos"

Vigo, 14 de marzo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu hoxe á segunda xornada do XV Congreso da Sociedade Española de Obesidade (SEO-SEEDO) celebrado na sede Afundación Abanca e que reúne en Vigo a 300 expertos nacionais e internacionais para debater sobre os retos e avances en prevención da obesidade. Alí, o máximo responsable do Deporte galego ratificou “o compromiso da Xunta na promoción da actividade física e de hábitos de vida saudable para axudar a evitar as enfermidades non transmisibles fomentando o benestar das galegas e galegos”. Neste sentido, advertiu que a obesidade é “un problema complexo que precisa unha solución global polo que destacou a necesidade da colaboración de todas as institucións e administracións”.

Nas súas verbas, Lete Lasa informou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) conclúe que “os comportamentos modificables como o consumo de alcohol e tabaco, a inactividade física e as dietas insás aumentan o risco de sufrir enfermidades non transmisibles”. Ante as últimas estatísticas que atribúen á práctica insuficiente de actividade física 1,6 millóns de mortes anuais, o secretario xeral lembrou que a Secretaría Xeral para o Deporte lidera o Plan Galicia Saudable conscientes de que “nenos, adultos e maiores deben realizar máis actividade física para alcanzar a ratio saudable”. De feito, a plataforma DAFIS, seleccionada pola OMS como mellor exemplo de boa práctica en España para a promoción da actividade física no ámbito escolar, “conta xa con máis de 12.000 nenos e nenas valorados integrando na plataforma os datos de condición física e valores antropométricos”.

No eido educativo tamén destaca o Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que promove proxectos de vida activa en centros educativos escolares (PDC). Dentro do Plan Proxecta está o programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) que xunta toda a oferta lúdica e deportiva ofertada pola Xunta de Galicia en colaboración coas federacións deportivas e as agrupacións escolares. A día de hoxe este programa conta con 126.350 nenos aos que a Xunta asegura a través do seguro deportivo 6-16.

Ademais, desde a Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Sanidade deséñanse “programas piloto que permitan a intervención na poboación maior para que aumente a esperanza de vida co menor número de limitacións posible”. Dentro da estratexia da Secretaría Xeral para o Deporte en prol da actividade física destacan tamén programas como a coreografía Móvete+, circuíto de andainas saudables, experiencia piloto de promoción da actividade física saudable na eurocidade Tui-Valença, campaña ‘Móvete pola túa saúde”, plan de patrocinio do deporte de alto nivel, xornadas multideporte así como outras medidas no ámbito sanitario e laboral.