O secretario xeral para o Deporte reúnese cos representantes das 58 federacións deportivas de Galicia para explicar as principais liñas de colaboración neste exercicio 2019
Na xuntanza tamén se presentou a nova plataforma dixital da CRTVG que permite a gravación, produción, distribución e visualización multi-cámara de calquera acontecemento deportivo de deporte base, deporte feminino e deporte alternativo
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no día de hoxe a quinta reunión do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ onde se compartiron posturas, reflexións e análises da situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, coa fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable.
Nesta quinta reunión os temas de meirande importancia debatidos foron os convenios de colaboración para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. A previsión é que a principios do mes de maio se poidan asinar estes convenios.
Na xuntanza, que tivo lugar no Salón de Actos da Escola Galega de Administración Pública, tamén se trataron asuntos relativos a novas liñas de colaboración como as de patrocinios e eventos federativos ou a adquisición de equipamento para esta tempada 2018-2019. Así tamén a reunión serviu para apuntar as novidades das liñas de colaboracións cos clubs deportivos de Galicia: Plan de Patrocinios de Alta Competición ou bolsas a deportistas, tanto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva como as bolsas outorgadas pola Fundación Deporte Galego aos Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN).
Asemade, na xuntanza acordouse a creación de grupos de traballo para que nos seguintes encontros se poidan abordar temas como os criterios a seguir para a inclusión dos bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
AMTEGA e CRTVG
Nas súas verbas, o secretario xeral tamén agradeceu o traballo da AMTEGA que o vindeiro venres realizará para todas as federacións deportivas unha xornada centrada na xestión de contidos no portal de Deporte galego para que os usuarios federativos poidan publicar e modificar contido propio como novas ou eventos de axenda.
Tras as explicacións do máximo responsable do Deporte galego, tomou a palabra o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira, para facer unha pequena introdución da nova plataforma dixital que permite a gravación, produción, distribución e visualización multi-cámara de calquera acontecemento deportivo de deporte base, deporte feminino e deporte alternativo. Este novo sistema que a CRTVG pon a disposición gratuitamente das distintas federacións deportivas de Galicia, permite que cada club teña unha ferramenta audiovisual para recoller as imaxes de cada acontecemento deportivo e distribuílas a través dunha canle dixital específica da CRTVG denominada deporte360.gal.
Esta nova canle, que de momento está nunha fase experimental, aspira a converterse nun lugar de referencia na nube que documente boa parte das actividades deportivas dos deportes de base, feminino e alternativo que se celebran en Galicia durante toda a temporada. Este proxecto nace da colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e Corporación CRTVG para o fomento dos deportes de base, feminino e alternativos que se formalizou a través dun convenio asinado en maio de 2018.
Rede Deporte Galego
O Foro de Deporte Federado forma parte da Rede Deporte Galego, que botou a andar o pasado 10 de abril de 2017 cunhas xornadas de formación para facilitar o acceso e o manexo da comunicación e administración telemática das federacións deportivas galegas. A creación da Rede dá cumprimento a unha das promesas contidas no programa electoral de 2016 no que se propuña esta plataforma. A Rede incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo. Nestes foros abarcarase desde os sectores tradicionais do deporte (axentes ou eventos deportivos, entre outros) pasando por outros máis novidosos como o da investigación, desenvolvemento e innovación, ou o do turismo.
Deste xeito, a Rede Deporte Galego garantirá unha auténtica Administración pública colaborativa do e para o deporte galego, ao servizo das súas necesidades; actuará como canle de comunicación entre os distintos sectores do noso deporte; e estará ao servizo dos restantes obxectivos xerais da lexislatura.