Noticias
22/06/2019
Institucionais

Lete Lasa recoñece o traballo da Federación en prol do fútbol feminino e asegura que a Xunta "sempre estará con todas aquelas rapazas que queiran cumprir os seus soños deportivos"

Destaca as medallas de ouro da Real Federación Galega de Fútbol entregadas ao Dépor ABANCA, polo seu ascenso á máxima división do fútbol feminino nacional e ao xogador do Celta de Vigo, Iago Aspas

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e mais polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no serán de hoxe na Cidade da Cultura de Galicia da Gala do Fútbol Galego onde se repartiron unha corentena de premios aos mellores deportistas, adestradores, árbitros e directivos da tempada. Entre todos eses premios, o mandatario galego destacou as medallas de ouro da Real Federación Galega de Fútbol entregadas ao Dépor ABANCA, polo seu ascenso á máxima división do fútbol feminino nacional e ao xogador do Celta de Vigo, Iago Aspas, “que volveu a marcar un gol galego nun Mundial 52 anos despois e que botouse ás costas ao Celta nun final de tempada espectacular”.

Das 23 rapazas que compoñen o Dépor destacou “a súa determinación, esforzo, traballo e constancia que situaron a un equipo de fútbol galego feminino na máxima división nacional sendo a vez primeira que ocorre desde que se profesionalizou a especialidade”. “A Xunta de Galicia, a Federación e as demais institucións sempre estarán con todas aquelas rapazas que queiran cumprir os seus soños deportivos”, apuntou.

O secretario xeral afirmou que “o deporte feminino é tremendamente demandado a día de hoxe e nós debemos responder cunha oferta aínda maior” para o que “debemos apoiarnos no deporte rei”. En Galicia, máis dun terzo de todas as persoas que fan deporte federado practican fútbol (90.000 licenzas sobre as 266.000 totais). 56 anos máis tarde do primeiro partido de fútbol feminino galego “temos a case 7.000 mulleres con licenza futbolística, un equipo de fútbol na máxima división nacional e un equipo de fútbol sala que vén de proclamarse campión da Copa da Raíña de fútbol sala”.

No que atinxe ao traballo da Real Federación Galega de Fútbol, Lete Lasa gabou o traballo do seu presidente polo “coidado e minuciosa atención ao fútbol galego que sae á luz en eventos como esta gala que recoñece o duro traballo de toda a tempada”.