Noticias
19/05/2020
Institucionais

Lete Lasa defende ante o CSD o deporte federado e non profesional e insiste na necesidade de eliminar "canto antes" o establecemento de franxas horarias para estes grupos

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020​.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de manter unha nova xuntanza virtual co Consejo Superior de Deportes na que volveu insistir unha vez máis nos intereses do deporte galego no proceso de desescalada que estamos a vivir.

Deste xeito, Lete Lasa reiterou a necesidade de eliminar canto antes o establecemento de franxas horarias para o deporte federado. Un aspecto que xa foi avanzado polo acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do pasado sábado pero que na recente Orde do 16 de maio para a segunda fase aínda non se contemplaría.

Ademais, o mandatario galego tamén expuxo a necesidade de ampliar o concepto das ligas non profesionais a calquera competición non profesional, no ánimo de permitir xa o adestramento básico destas competicións e evitar a diferenciación que está a facer o CSD e que amosa unha “realidade deportiva de primeira e de segunda categoría onde o deporte autonómico e a competición non profesional parecen estar no segundo grupo”

O secretario xeral tamén abordou o tema da obrigatoriedade do protocolo de volta aos adestramentos que publicou o CSD xa que a súa aplicación imposibilita que o deporte non profesional retome os adestramentos.

Cómpre lembrar que as comunicacións e os acordos tomados pola Xunta de Galicia acadaron importantes rectificacións do Goberno central como a reactivación da caza e da pesca, confirmada na propia Orde do 16 de maio que xa permite a práctica de ambas disciplinas deportivas en todas as súas vertentes.