Os ‘Premios Deporte Galego 2025’ recoñecerán o traballo dunha vintena de persoas e entidades
- Ana Peleteiro, Jaime Duro, Susana Rodríguez Gacio, Nicolás Martínez, Inés Sotelo, Christian Costoya, Claudio Giráldez, Zeltia García, Martín Jácome, Terio Carrera, o Real Club Celta de Vigo ,o Club Balonmán Porriño, o equipo genuine do Racing Club Villalbés, a Federación Galega de Balonmán, a Agrupación Deportiva Baixo Miño, O Gran Camiño e Pescamar serán algúns dos premiados desta edición
- Tamén recibirán galardón o Concello de Pastoriza, a asociación deportiva e cultural Bolboretas A Coruña Dragon Boat BCS e o CPI Dr López Suárez de Friol polo seu labor de promoción da actividade física e hábitos de vida saudable
- Os galardóns contan con 18 categorías e distinguen tamén o labor das entidades que promoven a actividade física e hábitos de vida saudable
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
Os Premios Deporte Galego 2025 recoñecerán unha vintena de persoas e entidades do ámbito deportivo de Galicia en 18 categorías. A Xunta impulsa estes galardóns concedidos a persoas deportistas, equipos, entidades e profesionais máis destacados do deporte galego durante o pasado ano 2025. Esta edición conta con 18 categorías que abranguen diferentes ámbitos da actividade deportiva, desde os resultados de alto nivel ata a promoción do deporte de base, a inclusión e o fomento da actividade física e dos hábitos de vida activa.
Por unha parte os Premios Deporte Galego 2025 distinguirán a atleta Ana Peleteiro como mellor deportista en categoría feminina e ao piragüista Jaime Duro na masculina.
Canto aos mellores deportistas con discapacidade na categoría feminina o galardón recaerá na triatleta Susana Rodríguez Gacio e na masculina no piragüista Nicolás Martínez. Ademais, o equipo genuine do Racing Club Villalbés recibirá a distinción como equipo de deportistas con discapacidade.
Pola súa parte, a baloncestista Inés Sotelo e o piloto de automobilismo Christian Costoya serán recoñecidos como mellor deportista revelación feminina e masculino.
No caso dos equipos, o Club Balonmán Porriño será distinguido como mellor equipo feminino e o Real Club Celta de Vigo como mellor equipo masculino.
A convocatoria inclúe ademais categorías para recoñecer o traballo do resto de axentes vinculados ao deporte, con premios ao mellor adestrador/a para Claudio Giráldez, polo seu traballo á fronte do Real Club Celta de Vigo; ao mellor árbitro/a ou xuíz/a para Zeltia García, xuíz de ximnasia; ao mellor labor informativo para o comunicador Terio Carrera; ao mellor evento deportivo para a proba ciclista O Gran Camiño; a Pescamar na categoría de patrocinio deportivo; ao piragüista Martín Jácome e á Federación Galega de Balonmán na de xogo limpo e á Agrupación Deportiva Baixo Miño na de entidade na promoción do deporte base.
Tamén se conceden tres Premios Galicia Saudable, que distinguirán unha entidade de carácter público (o Concello de Pastoriza polas súas escolas deportivas municipais), outra privada (a asociación deportiva e cultural Bolboretas A Coruña Dragon Boat BCS) e unha terceira educativa (o Centro Público Integrado Dr López Suárez de Friol) polo seu labor de fomento e promoción da actividade física e dos hábitos de vida activa.
As persoas e entidades galardoadas recibirán o recoñecemento durante a gala de entrega de premios, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro en Lugo.