Nova
07/07/2017
Deporte Escolar

A secretaria xeral para o Deporte ratifica o uso estable, preferente e gratuíto do polideportivo do Agra para os alumnos do IES, así como o uso preferente da piscina

No ano 2001, a Secretaría Xeral para o Deporte asina coa Fundación Deporte Galego un convenio polo que a Fundación se facía cargo da xestión destas instalacións e no que se establece a obriga de “facilitar o uso preferente dos pavillóns deportivos en horario escolar e período lectivo, aos centros de ensino público anexos ás instalacións e con carencia das mesmas, con carácter gratuíto”

Santiago, 7 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, ratificou hoxe no Parlamento de Galicia o uso “estable, preferente e gratuíto” do polideportivo do Agra do Orzán para os alumnos do IES, así como o uso preferente da piscina que se atopa no complexo deportivo e que utilizou gratuitamente ata principios de 2016. Así o fixo na súa resposta á pregunta oral sobre o uso dos alumnos do IES Agra do Orzán do polideportivo, así como a situación doutros complexos deportivos autonómicos na Coruña na comisión primeira de Administración Xeral, Xustiza e Interior.
Para explicar a evolución dos feitos, Marta Míguez fixo referencia a todos e cada un dos documentos existentes sobre os usos destas infraestruturas autonómicas. Así, a principios dos 90, “a Consellería de Educación cedeu á Secretaría Xeral para o Deporte os terreos dos centros educativos para a construción de instalacións deportivas, explicitando que o uso das instalacións será de absoluta prioridade para os centros educativos no horario lectivo”. Máis adiante, no ano 2001, a Secretaría Xeral para o Deporte asinou coa Fundación Deporte Galego un convenio de colaboración polo que a Fundación se facía cargo da xestión integral, explotación e mantemento do servizo público destas instalacións deportivas, durante 25 anos, prorrogables. Neste convenio establécese como obriga da fundación “facilitar o uso preferente dos pavillóns deportivos en horario escolar e período lectivo, aos centros de ensino público anexos ás instalacións e con carencia das mesmas, con carácter gratuíto, compatibilizando o seu uso cos programas desenvolvidos pola Fundación Deporte Galego”. Cómpre salientar, explicou a secretaria xeral, que “pavillón deportivo non equivale a complexo deportivo”. Por último, en 2006, a Fundación Deporte Galego optou por xestionar indirectamente estes complexos deportivos, subscribindo, o 28 de abril, o contrato de servizo de xestión integral dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra, e asina contrato de servizo de xestión integral coa UTE Gaia – Movex Vial (modificado en 2009). Neste contrato sinálase como obriga do concesionario “aceptar os acordos e convenios asinados por parte da Fundación con terceiros no tocante ós usos das instalacións, así como os compromisos de actividades e eventos organizados pola Fundación a desenvolver nas mesmas”, indicando que en caso de prexuízo económico, a Fundación debe facerse cargo dos gastos ocasionados ou definir a forma de compensación.
En 2010 e tras a reclamación por parte da UTE do pago dos usos das instalacións que se viñan utilizando de xeito gratuíto, a Fundación solicitou un informe á Asesoría Xurídica Xeral no que se conclúe que, respecto do complexo do Agra e a piscina, “se ben recoñécese un uso preferente, non hai recoñecemento expreso do carácter gratuíto do uso” e, ademais, "existe unha obrigación da Fundación Deporte Galego de compensar á UTE adxudicataria polos prexuízos económicos sufridos como consecuencia do uso das instalacións deportivas”. Neste punto prodúcense dúas sentenzas xudiciais que conclúen que a Fundación debe compensar á UTE polos gastos que xera o uso das instalacións, chegando a cifrar a primeira, que queda revogada pola segunda, esta cantidade en preto de 500.000 euros.
Na actualidade, comentou a máxima responsable do deporte a nivel autonómico, apuntou que, “debido á insistencia e á preocupación da dirección do IES Agra, para que os seus alumnos poidan acudir gratuitamente á piscina, revisamos toda a documentación existente”, e ademais foi solicitado un novo informe á Asesoría Xurídica Xeral, en data 22 de xuño de 2017, que “xustifica a decisión da FDG de negar o uso en precario e gratuíto da piscina; uso gratuíto, que por outro lado non tiña nin ten amparo xurídico”.
Como conclusión, Marta Míguez dixo que “o alumnado do IES Agra do Orzán ten dereito de uso preferente e gratuíto do pavillón deportivo e dereito de uso preferente, pero non gratuíto, da piscina do complexo deportivo” e lembrou que “a Xunta de Galicia sí paga o uso da piscina ao alumnado matriculado no ciclo formativo de animación de actividades físicas deportivas, por ser imprescindible para desenvolver o currículum da titulación”.
Na procura dun novo contrato
Respecto das medidas que está a adoptar a Xunta de Galicia co obxectivo de mellorar a prestación de servizos nos polideportivos autonómicos da Coruña (Elviña, Sardiñeira e Agra), a secretaria xeral informou de que, no momento actual, a Fundación Deporte Galego e a UTE concesionaria atópanse nun estado litixioso polo incumprimento reiterado de obrigas esenciais por parte da UTE que puñan en grave risco tanto o servizo como inclusive a seguridade dos usuarios das instalacións.
Neste intre, dixo a secretaria, “estase a valorar a posibilidade de iniciar a licitación dunha nova concesión, sempre e cando se liquide o contrato coa UTE, con anterioridade”. “O ideal sería ter formalizado o novo contrato o antes posible para que os novos adxudicatarios puideran realizar investimentos co obxecto de acadar unhas instalacións modernas, amplas e atractivas para a fidelización dos actuais usuarios e captación dos novos”, engadiu.
Novas actuacións
Na quenda de réplica, a titular de Deporte salientou que “o obxectivo da Secretaría Xeral é animar a todos os galegos e galegas a que practiquen deporte e garantirlles que en Galicia pódese practicar nas mellores condicións porque temos as mellores instalacións”.
Nese compromiso, a Secretaría Xeral para o Deporte ten previsto investir máis de 100.000 neste ano 2017 nos complexos deportivos de titularidade autonómica da cidade da Coruña, así como outras previsións de actuacións. No que atinxe ao complexo deportivo do Agra, realizarase o cambio de toda a maquinaria de climatización e deshumidificación. Unha actuación que neste intre está en fase de estudo do investimento.