Comité Galego de Xustiza Deportiva

O  Comité Galego de Xustiza Deportiva é o órgano administrativo superior da xurisdición deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Está adscrito ao órgano da Administración autonómica competente en materia de deporte e actúa con total independencia funcional deste e da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Polo que se refire ao seu funcionamento, aplícanse as normas establecidas para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Funcións

De conformidade co artigo 93 da Lei 3/12, do 2 de abril, do deporte de Galicia, o comité é competente para coñecer os actos que se produzan relativos a:

a. Disciplina deportiva, incluídos neste ámbito os relativos á prevención, ao control e ás sancións en materia de dopaxe.

b. Os de carácter organizativo-competicional que poidan xurdir en relación coa organización das competicións.

c. Control das decisións ditadas nos procesos electorais polos órganos competentes das federacións deportivas de Galicia, incluída a súa convocatoria.

d. Control administrativo respecto das funcións públicas encomendadas ás federacións.

e. Incoación, instrución e resolución de expedientes disciplinarios deportivos aos membros das federacións deportivas galegas, sempre que se substancien, por feitos cometidos polos seus presidentes ou directivos, de oficio ou por instancia de parte, pola Administración deportiva autonómica.

f. Tramitación e resolución de procedementos sancionadores deportivos sobre as materias deste tipo que lle son atribuídas pola Lei 3/12, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

g. Calquera outra competencia que lle sexa atribuída ou delegada consonte o ordenamento xurídico.

Composición

O Comité Galego de Xustiza Deportiva está integrado por cinco membros e dous suplentes, para os supostos de vacantes, enfermidade ou ausencia, todos eles licenciados en dereito. O nomeamento dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva realízao o órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva. Na sesión constitutiva do órgano elíxese ao presidente ou presidenta.

A duración do mandato dos integrantes do comité é de catro anos.

O comité está asistido por un/unha secretario/a designado/a pola Administración autonómica, que ten a condición de funcionario, que actúa nas reunións con voz pero sen voto.

Membros do comité

Presidenta:

  •  Dna. María Dolores Rodríguez Rodríguez

Vogais:

  • Dna. Beatriz Seijo Méndez
  • D. Jorge Barros de la Peña
  • D. Carlos Pérez Ramos
  • D. Domingo Bello Janeiro

Secretario:

  • Da. Teresa Carrera Babarro