A Fundación

En decembro do ano 2001, a Administración autonómica de Galicia constitúe a Fundación Deporte Galego como unha organización de natureza fundacional e de interese galego no ámbito deportivo para o impulso e fomento do deporte e a práctica deportiva e a súa difusión entre a cidadanía.

A Fundación, que adquiriu personalidade xurídica propia, desenvolve a súa actividade na comunidade autónoma galega sen prexuízo de poder acometer actuacións fóra de Galicia cando estas teñan por obxecto a consecución de fins de interese galego relacionados co seu obxecto fundacional.

Entre os seus fins atópanse a promoción e o incentivo do deporte e a práctica deportiva na comunidade autónoma galega. Para isto, a Fundación Deporte Galego poderá, entre outras cousas, colaborar con Administracións e empresas públicas e privadas e con federacións deportivas. Así mesmo, poderá construír e xestionar directa ou indirectamente instalacións deportivas propias e alleas, e levar a cabo calquera outra actuación que dun xeito directo ou indirecto contribúa á mellora do deporte e a práctica deportiva na comunidade autónoma de Galicia.

Padroado

O pleno do padroado da Fundación Deporte Galego está presidido polo/a secretario/a xeral para o Deporte ou o/a director/a xeral competente en materia de deporte.

A vicepresidencia recae no/a secretario/a xeral ou director/a xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de asesoría xurídica e as vogalías do pleno confórmanas:

  • A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica dependente da consellería con competencias en materia de Facenda
  • A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia
  • A persoa titular da Dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG)
  • Unha persoa do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de deporte