EGAP EDIFICIO ACTIVO

EGAP Edificio Activo é un proxecto desenvolto pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e subvencionado polo Consello Superior de Deportes (CSD), que ten como finalidade a mellora da saúde das persoas que desenvolven a súa xornada de traballo dentro do edificio a través da practica de actividade física que rompa o sedentarismo da xornada laboral.

EGAP Edificio Activo

EGAP Edificio Activo ten os seguintes obxectivos:

  • Promover a saúde laboral, a través do incremento da actividade física que realizan os traballadores e traballadoras do edificio durante a xornada laboral, promovendo espazos de traballo activos, reunións activas e a práctica diaria de actividade física.
  • Concienciar e reeducar aos usuarios do edificio na necesidade de levar unha vida activa e saudable, a través da colocación de cartelería e mensaxes motivadores
  • Motivar aos usuarios do edificio para romper co sedentarismo laboral e a inactividade física na xornada diaria, programando actividades de gamificación, concursos colectivos, etc.

O proxecto ten catro eixos principais: 

  • Sala de reunións activas, dispoñible para todos os/as traballadores/as das diferentes entidades que se atopan dentro do edificio, para a realización de reunións activas. Dentro da sala hai bicicletas estáticas con atrís, cintas de camiñar, esteiras e un baño completo. A sala de reunións activa atópase na 1ª planta, encima da cafetería, na porta 96.
  • Puntos de Pausas laborais activas (PLA). Nos puntos PLA pode atopar bicicletas con atrís para facer exercicio de forma suave, mentres le un documento, traballa cun portátil ou un ipad, debate cun compañeiro/a ou simplemente, dedica 5 minutos a estirar as pernas ou as utiliza antes de ir para a casa despois da súa xornada laboral. Os puntos PLA atópanse na 2ª planta, no corredor da SX para o Deporte.
  • Circuito de reunións activas: 5 circuítos, 3 interiores e 2 exteriores, de diferentes distancias, para a realización de reunións en ruta. Camiñar mentres falamos, osixenando o cerebro, axúdanos a deseñar mellor os nosos proxectos, resolver os problemas existentes ou ver as nosas actuacións desde outra perspectiva.
  • App de seguimento e gamificación. Proximamente, os/as traballadores/as terán á súa disposición unha app onde poder rexistrar a súa actividade física, participar en concursos e retos, gañar premios, etc.