Saúdo

Estimado/a amigo/a,
Galicia é unha gran realidade polideportiva. Todos os días, miles de galegos e galegas de todas as idades e condicións practican actividade física e deportiva no afán de ter vidas mais activas e saudables, e os nosos deportistas e clubs disputan as distintas competicións, colocando a Galicia no foco das máximas categorías nacionais e internacionais.
Esta realidade é a que atende e potencia a Xunta de Galicia, da man do noso tecido deportivo: deportistas, técnicos e árbitros, clubs e agrupacións deportivas escolares e, por suposto, as federacións, todos eles son os principais responsables dunha realidade deportiva galega en continuo crecemento e expansión. Grazas ao seu traballo, o deporte de Galicia sitúase nun nivel de referencia que, co traballo de todos e todas, debemos seguir facendo crecer.
Este compromiso co deporte galego e cos seus axentes é o traballo diario da secretaría xeral para o Deporte da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Un compromiso que, en definitiva, o é con procurar as mellores condicións para que a práctica de actividade física e deportiva siga facendo do deporte unha ferramenta fundamental para o crecemento de Galicia. E este é tamén un compromiso persoal, no profundo convencemento de que a presenza do deporte fainos mellores como persoas e como sociedade, grazas ás súas dimensións educativa, social, económica e sanitaria.
Xunto aos concellos e resto de administracións e institucións afectadas, e xunto ao tecido deportivo de Galicia, seguiremos traballando por un deporte galego cada día mais próspero, igualitario, inclusivo e para todos e todas.
Roberto García Fernández
Secretario xeral para o Deporte
Biografía
Roberto García (A Coruña, 1965), é licenciado en Educación Física pola Universidade da Coruña, especializándose en Alto Rendemento Deportivo, Deporte Especial e Xestión Deportiva.
En 2009 asumiu a Xefatura do Servizo Provincial de Deportes de A Coruña, cargo que exerceu ata a actualidade. Previamente foi técnico municipal de Deportes no concello de Arteixo, ademais de profesor de Educación Física no ensino público e preparador físico no Fabril Deportivo da Coruña. Foi tamén concelleiro na Coruña desde 2019 e voceiro municipal en Arteixo entre 2005 e 2009.