A Guarda contará cun pavillón polideportivo máis accesible, seguro e moderno grazas ao convenio entre Xunta e Concello por preto de 2 millóns de euros
_O Consello da Xunta vén de autorizar o acordo polo que se levarán a cabo as obras de reforma do pavillón polideportivo da Sangriña, co obxectivo de que siga sendo unha instalación deportiva de referencia na comarca de Baixo Miño
Santiago, 23 de xullo de 2022.- O Consello da Xunta vén de aprobar este xoves o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello A Guarda, para acometer a execución das obras de reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña cun investimento total de preto de 2 millóns de euros (1.870.667,53 euros). Neste sentido e a tenor do acordo autorizado, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 26,73% da totalidade do importe (500.000 euros), mentres que o Concello da Guarda achegará o restante 73,27% (1.370.667,53 euros), dos cales 760.994,79 euros proveñen dos fondos propios do Concello en relación ao exercicio orzamentario de 2022, e os restantes 609.672,74 euros en relación ao convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra.
As obras contarán con catro vías de actuación que serán as obras de reforma interior das instalacións de apoio á actividade deportiva (vestiarios, aseos, almacéns, cuartos de instalacións, cantina, ampliación da pista de xogo, mellora das instalacións eléctricas, ACS e sistemas contra incendios, sistemas de renovación de aire e un grupo electróxeno); a ampliación dos corredoiros para a mellora das condicións de accesibilidade; a ampliación e mellora da zona do público (aumentando o aforo nun 48% ata os 700 asistentes); así como a dotación ao polideportivo dunha imaxe exterior homoxénea, deseñada conforme aos criterios de eficiencia enerxética.
O pavillón polideportivo da Sangriña, debido ao seu emprazamento xeográfico e estratéxico, pertencendo ao concello máis meridional da provincia de Pontevedra, na fronteira con Portugal, é un centro deportivo de referencia na comarca de Baixo Miño, polo que é de especial interese para a Secretaría Xeral para o Deporte responder á crecente demanda dos servizos deportivos da poboación, dotándolles de instalacións confortables, seguras, accesibles e que permitan potenciar o deporte base e a vida saudable non so dos case 10.000 habitantes de A Guarda, senón dos veciños de toda a comarca.