Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte

A Xunta, a través do Observatorio Galego da Familia e da Infancia, aprobou o 14 de maio de 2024 o Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia. Trátase dunha medida pioneira en Galicia, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportivas na comunidade e extensible por tanto a todas as federacións e clubs, segundo a Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

Na súa elaboración, o Goberno galego contou coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) para adaptar o contido do modelo con recomendacións e criterios comúns facilitados polo Ministerio da Xuventude e Infancia.

O obxectivo principal é dotar os centros de ferramentas para recoñecer ou identificar posibles situacións de violencias como primeiro paso para poder intervir e posibilitar a axuda aos nenos e ás nenas e ás familias e, no seu caso, derivar a situación notificándoo ao axente ou á autoridade máis próxima, sen prexuízo do auxilio inmediato, de ser preciso.

Non é función das entidades deportivas intervir en situacións de violencia senón ser a canle de posibles sospeitas e establecer internamente os mecanismos para a súa detección, así como promover contornas de bo trato. Unha vez derivadas as diferentes situacións, deberán colaborar cos servizos de atención para facilitar a intervención en cada caso e contribuír á recuperación e reparación das vítimas de situacións de violencia.

O obxectivo final é converter as entidades deportivas en espazos seguros e libres de violencias, promovendo unha contorna de respecto e bo trato, coa implicación de todos e todas as integrantes da entidade. 

Xornadas formativas

Presentación da formación a cargo do secretario xeral para o Deporte

Formación para a persoa delegada de protección de nenos, nenas e adolescentes

Intervención da Asociación Amino Galicia