Lete Lasa destaca a puxanza do fútbol galego que trae de novo á selección feminina a Riazor, sede mundialista
Lembra que no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Euro de 2021
A Coruña, 5 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do partido de fútbol entre as seleccións absolutas femininas de España e Bélxica clasificatorio para a Eurocopa de 2025. O mandatario galego destacou a “puxanza do fútbol galego que pon de manifesto o papel protagonista dos futbolistas da nosa terra nas seleccións nacionais como Tere Abelleria, que vén de ser convocada por Montse Tomé para a a participación nos Xogos de París, ou Joselu Mato, que esta mesma tarde xoga os cuartos de final do Europeo masculino”.
Lete Lasa centrou o foco no fútbol feminino e na lista de xogadoras galegas de gran importancia para o fútbol de todo o país como foron Mari Paz Vilas, que foi quen de marcar nun partido coa selección española ata sete goles e é a máxima goleadora histórica do Valencia; Vero Boquete, a primeira muller española en gañar a Champions League e que lle dá nome ao estadio de Santiago; ou Nuria Rábando, campioa da Champions League co Barcelona en 2023.
O secretario xeral para o Deporte lembrou que “no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina” e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Eurocopa de 2021. Agora repite acollendo este España-Bélxica que contará “cun acicate especial xa que será o primeiro partido oficial que se disputará desde que Riazor foi escollido definitivamente como sede para o Mundial de 2030”.