O CGTD comeza o curso 2024-2025 con 163 prazas nas súas 13 especialidades deportivas
O pasado martes tamén saíu a resolución das seis bolsas de persoas colaboradoras
Santiago, 29 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Como en anos anteriores, o CGTD ofertou 160 prazas para tecnificación (cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato) e rendemento. Na resolución publicada no DOG foron concedidas 152 prazas e agora, veñen de sumarse outras nove, acadando 163 deportistas, un número que poderá incrementarse ao longo da tempada.
Máis polo miúdo, estas 163 prazas distribúense en 106 de tecnificación -90 residentes e 16 externos- e 57 en rendemento -12 residentes e 45 externos-. Unha tempada máis a paridade é practicamente absoluta, superando lixeiramente o número de mulleres ao número de homes: 83 mulleres -58 en tecnificación e 25 en rendemento- por 80 homes -
As 163 prazas quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos -sete prazas (seis tecnificación e unha de rendemento)-, bádminton -doce prazas (dez tecnificación e dúas de rendemento)-, judo -catorce prazas (nove de tecnificación e cinco de rendemento)-, loita -quince prazas (once de tecnificación e catro de rendemento)-, natación pura e augas abertas -dez prazas (oito de tecnificación e dúas de rendemento)-, natación artística -oito prazas de tecnificación-, piragüismo slálom -catro prazas de tecnificación-, piragüismo augas tranquilas -49 prazas (21 de tecnificación e 28 de rendemento-, remo -seis prazas (cinco de tecnificación e unha de rendemento)-, taekwondo -trece prazas (nove de tecnificación e catro de rendemento)-, tríatlon -catorce prazas (nove de tenificación e cinco de rendemento)-, vela -catro prazas de tecnificación- e ximnasia -seis prazas (dúas de tecnificación e catro de rendemento)-.
Persoas colaboradoras
Ademais, o pasado 27 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se adxudican as bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25.
Os seis beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar. As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria.
CGTD
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade.