Nova
30/04/2025
Institucionais

A Xunta entrega unha placa conmemorativa do ascenso da Unión Deportiva Ourense a Segunda RFEF co desexo de “seguir subindo categorías”

O secretario xeral para o Deporte e o delegado da Xunta na provincia, recibiron esta mañá ao equipo que se proclamou campión do Grupo I da Terceira RFEF cando aínda restaban tres xornadas para o remate da liga

Ourense, 30 de abril de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo, recibiu esta mañá no salón de actos da Delegación Territorial á Unión Deportiva Ourense polo seu ascenso á Segunda RFEF, a cuarta división do fútbol nacional. Alí, o mandatario galego sinalou a importancia deste fito e subliñou “o ascenso meteórico do equipo ourensán que en tan só once tempadas logrou escalar dende a terceira división do fútbol rexional ata a Segunda Federación quedando a tan só dous banzos do fútbol profesional”, polo que animou aos xogadores a “seguir subindo categorías para levar a Ourense a onde merece”. Durante a recepción, o secretario xeral e o delegado territorial fixeron entrega ao presidente do club, Fernando Currás, dunha placa conmemorativa polo ascenso.

O secretario xeral para o Deporte agradeceu o traballo da directiva, corpo técnico e xogadores nunha campaña “case perfecta” na que a Unión Deportiva Ourense tan só perdeu un partido e valorou, asemade, a entrega e o sacrificio dun club que recolle o legado do desaparecido Club Deportivo Ourense. Neste sentido, Lete Lasa, lembrou aos xogadores que no equipo ourensán da tempada 1967/1968 teñen ao mellor exemplo de traballo e de éxito pois ostenta o récord de gañar todos os partidos da liga -30 de 30-, un fito que volveu ser recoñecido recentemente pola Xunta na gala das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia.

O responsable do deporte galego informou aos representantes do club que este ascenso á Segunda RFEF, posibilita que, a tempada próxima, a Unión Deportiva Ourense poida entrar no Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da Fundación Deporte Galego que xa leva repartidos máis de 44 millóns de euros entre os mellores equipos de Galicia desde a súa concepción no ano 2009. Así mesmo destacou a remodelación do estadio do Couto, propiedade da Xunta que se encarga do seu mantemento, cun investimento de preto de 3 millóns de euros.