Nova
10/06/2025
Institucionais

O Plan Corresponsables encara a súa cuarta edición promovendo a conciliación e a igualdade a través do deporte

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde pola que se convocan as actividades de animación sociodeportiva para o ano 2025

Santiago, 10 de setembro de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a Orde do 27 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, e se convocan para o ano 2025.

Nesta ocasión, a que será a cuarta edición do Plan Corresponsables contará cun orzamento de preto de medio millón de euros (448.623 euros) para as federacións deportivas galegas. O plan promove por cuarto ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos de idade ao cargo fomentando a corresponsabilidade, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportiva para nenos e nenas e mozos e mozas destas idades. Deste xeito, mellorarase a vida cotiá das familias e a súa conciliación laboral, familiar e persoal, sobre todo coincidindo coas vacacións de verán nos centros educativos. De feito, o período de desenvolvemento das actuacións subvencionables comprende do 1 de agosto ao 30 de setembro do presente ano.

Ademais de promover a igualdade e a corresponsabilidade entre mulleres e homes, o Plan Corresponsables fomenta o deporte base achegándolle distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás e a adquisición de hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte para a saúde física e mental. Tamén axuda á creación de emprego de calidade no sector dos coidados garantindo a calidade dos servizos mediante as bolsas de coidado profesional.

A través deste apoio, a Xunta financia os gastos derivados da habilitación de servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mocidade ata 16 anos inclusive, isto é, custos salariais e de cotización á Seguridade Social e gastos relacionados co desenvolvemento de actividades de animación socio deportiva realizadas polas federacións no marco dos seus programas deportivos.

Na convocatoria de 2022 adheríronse 18 federacións deportivas de Galicia e leváronse a cabo, entre xuño e novembro, máis de 2.500 actividades das distintas modalidades deportivas en 175 concellos ás que asistiron máis de 17.700 nenos e nenas. O desenvolvemento do plan posibilitou ademais a contratación de 364 persoas. Isto supuxo, unha superación sen precedentes das expectativas iniciais, dun aumento do 120% en participantes e do 400% en actividades. En 2023, outorgáronse outras 17 subvencións a federacións e o balance tamén foi positivo con máis de 12.300 participantes en máis de 2.800 grupos de actividades en case un cento de municipios, que contribuíron á contratación de 147 persoas. En 2024 as federacións beneficiarias ascenderon ata as 26 con preto de 9.000 participantes.

Ademais, tras o éxito colleitado, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables. Deste xeito, ao igual que as federacións deportivas, tamén poden organizar actividades e axudar a conciliar ás familias grazas ao deporte.