Lete enxalza á historia do Náutico de Vigo que conta con grandes deportistas como os irmáns Wizner e con grandes eventos como a primeira ‘Vigo Sailing Week’
A competición supón unha gran ocasión para render homenaxe aos 80 anos que cumpre a sede do Real Club Náutico de Vigo, así como para preparar os actos que en 2026 celebrarán o 120 aniversario da entidade
Vigo, 12 de xuño de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da primeira ‘Vigo Sailing Week’ que terá lugar do 17 ao 22 de xuño como un evento multiclase que traerá á ría a uns 60 navíos das clases Optimist, ILCA, ORC, Sportboat, Snipe, 420, Vaurien e Match Race, co apoio da Xunta de Galicia. Segundo o mandatario galego, o evento, que tamén terá actividades para a vela de base e para barcos cruceiro, “supón unha sensacional mestura do máis importante da nosa vela que, sen dúbida, entrará a formar parte de forma habitual do circuíto galego”.
Para Lete Lasa, esta competición é unha gran ocasión para render homenaxe aos 80 anos que cumpre a sede do Real Club Náutico de Vigo, así como para preparar os actos que en 2026 celebrarán o 120 aniversario da entidade. O secretario xeral gabou a historia do club vigués como un dos máis importantes de Galicia e salientou, ademais da súa capacidade na organización de eventos, a algúns dos seus mellores deportistas como os irmáns Wizner, Martín e Jaime, que veñen de proclamarse campións de Europa de 49er e que están na carreira olímpica para Los Ángeles 2028.
De conseguilo, os irmáns Wizner, seguirían escribindo a historia dourada da vela olímpica galega que xa ten levado a once regatistas aos Xogos, acadando tres medallas: a de ouro de Fernando Echávarri e Antón Paz no Tornado en Pequín 2008; a de ouro de Sofía Toro e Támara Echegoyen no Elliot 6m de Londres 2012; e a de bronce de Nico Rodríguez no 470 de Toquío 2020.