Lete enxalza o alto nivel galego cun 400% máis de deportistas recoñecidos e co novo Centro de Alto Rendemento no horizonte
O número de deportistas galegos e galegas recoñecidos no alto nivel chega aos 1.646, cun 41% de mulleres e un 59% de homes
Santiago, 2 de xullo de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para informar do presente e futuro da alta competición en Galicia. Alí, informou que a comunidade segue batendo récords e chega xa a 1.646 deportistas recoñecidos, cun 41% de mulleres e 59% de homes. Estas cifras débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que recoñece novas figuras e categorías. Ao abeiro deste decreto tamén foron creados os Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado para preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel, dos que Galicia conta xa con 13 centros. Con todo, os deportistas recoñecidos en Galicia medraron un 400% dende 2011. Ademais, no ano 2024, as axudas da Xunta para o alto nivel acadaron un novo récord ao chegar a preto de 1 millón de euros, sendo 8,4 millóns dende 2005.
No que respecta a un dos programas máis importantes da Secretaría Xeral para o Deporte, o plan de patrocinio dos equipos de alta competición -plan xeral, feminino e de equipos profesionais-, o secretario xeral destacou que conta xa cun total de 247 equipos, cun investimento de 4,7 millóns de euros a cifra máis elevada dende a súa xénese na tempada 2009/2010.
O mandatario galego fixo fincapé na axuda prestada aos deportistas de alto nivel a través, nomeadamente, da Oficina de Atención ao Deportista que, dende 2022, traballa en prol dos deportistas galegos con convenios coas tres universidades galegas, coa participación dunha rede de investigación nacional para a carreira dual, cun servizo de recolocación do deportista a través da Consellería de Emprego ou con servizos de atención psicolóxica.
Lete Lasa falou da base do deporte galego, como os cimentos do alto nivel, e subliñou a importancia do Programa Xogade que mantén a gratuidade do seguro deportivo para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos. Na tempada 2023/2024, un total de 144.264 galegos e galegas de entre 6 e 16 anos tiveron licenza federada, o 50% da poboación en idade escolar.
Centro de Alto Rendemento
Unha parte importante da comparecencia do secretario xeral para o Deporte versou sobre o Centro Galego de Tecnificación Deportiva que conta cun investimento anual duns 3 millóns d euros e que conta na actualidade con 160 bolseiros de 13 especialidades deportivas, aos que se suman os máis de 2.000 usuarios anuais. Neste sentido, Lete Lasa lembrou o proxecto de interese autonómico para converter o CGTD nun Centro de Alto Rendemento que permitirá complementar e aumentar os programas de tecnificación e alto rendemento deportivos de Galicia; dotar de instalacións propias a modalidades como o bádminton, a ximnasia ou os deportes de contacto, converténdose nun centro especializado doutras modalidades coma os deportes urbanos, o breaking ou a escalada, proporcionando aos deportistas as mellores condicións de adestramento; garantir que ningún profesional teña que buscar fóra de Galicia o seu futuro por falta de infraestruturas idóneas e atraer a deportistas de toda España para que desenvolvan a súa carreira deportiva na comunidade; así como dar unha solución á situación do polígono de tiro de Cernadiñas Novas e dotar a Galicia dun centro especializado en tiro olímpico e paralímpico.
Todo este apoio ao alto nivel xera importantes resultados como os acadados nas dúas últimas citas dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquío 2020 e París 2024, onde os deportistas galegos acadaron récords de participación -con 46 deportistas en París, sendo 23 mulleres e 23 homes- e unha bagaxe de 18 medallas e 25 diplomas. Estes resultados, dixo, motivan o incremento das licenzas deportivas en Galicia que xa chegan ás 320.000 cun 90% de crecemento das femininas desde 2009.