Nova
28/10/2025
Institucionais

Lete destaca a progresión de Lydia Pérez, subcampioa do mundo de loita praia, e confía na súa presenza en Los Ángeles nos Xogos Olímpicos de 2028

Lembra que o novo Centro de Alto Rendemento dará acollida a toda a excelencia deportiva que medra en Galicia e abrirá as súas portas a talento foráneo para consolidar a nosa comunidade como un polo internacional de referencia deportiva

Pontevedra, 28 de outubro de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe á loitadora galega Lydia Pérez que vén de proclamarse subcampioa do Mundo en loita praia, tras vencer nas únicas dúas probas do Ranking Series nas que participou, en Grecia e Exipto. O mandatario galego destacou a progresión que está a acadar a deportista pontevedresa na súa estadía primeiro en Francia e, agora, en Alemaña, nun plan de adestramento que conta co financiamento da Xunta de Galicia e grazas ao que Lydia pode medirse a loitadoras do seu nivel de cara á súa clasificación para os vindeiros Xogos de Los Ángeles 2028.

Neste sentido, Lete Lasa amosou a súa confianza de que Lydia poida estar na vindeira cita olímpica, tras quedarse ás portas dos ciclos de Toquío e París. “A nosa loita está a conseguir grandes resultados e Galicia merece un representante olímpico que non temos dende que, en Seúl 88, foran Juan Antonio Caride e Alfredo Marcuño”, dixo.

O secretario xeral para o Deporte apuntou que o novo Centro de Alto Rendemento, no que traballa a Xunta, dará acollida a toda a excelencia deportiva que medra en Galicia e que pasou de 300 deportistas de alto nivel en 2009 a preto de 1.700 na actualidade, así como tamén abrirá as súas portas a talento foráneo para consolidar a nosa comunidade como un polo internacional de referencia deportiva.

Así, poderanse celebrar máis concentracións como a que terá lugar entre hoxe e mañá coa loitadora francesa Emma Luttenauer, bicampioa de Europa sub23 e que tamén aspira a estar en Los Ángeles 2028, da que poderán desfrutar todos os loitadores e loitadoras do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.