Título de dobres e semifinais para Jorge Álvarez Mosteiro en Taroudant
O tenista galego Jorge Álvarez Mosteiro completou unha excelente semana no torneo ITF J30 celebrado en Taroudant (Marrocos), onde conseguiu proclamarse campión na categoría de dobres e chegar tamén ás semifinais de individual.
O xogador do Real Club Tenis Coruña realizou un gran torneo en terra batida, amosando un alto nivel competitivo durante toda a semana e consolidando a súa progresión dentro do circuíto júnior internacional.
Na competición individual, Jorge avanzou na fase de grupos e nas roldas clasificatorias do torneo, xogando numerosos partidos en condicións de moita calor. No cadro principal, o xogador galego derrotou o marroquí Ghali Komat por 7-5 e 7-5 nos cuartos de final. A súa gran traxectoria rematou nas semifinais, onde caeu ante o francés Charles Rossillol por 6-2 e 6-2.
Na competición de dobres, Jorge coroouse campión xunto a Alejandro Herrero Barceló. A parella española realizou un gran torneo e conseguiu derrotar na final aos favoritos do torneo, os marroquís Ghali Komat e Mehdi Laabi, por un marcador de 2-6, 6-2 e 10-7.