Nova
07/10/2026
Institucionais

Xunta e Clúster Galego do Deporte colaboran para que 2 millóns de persoas fagan exercicio en Galicia de forma habitual

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou un protocolo de colaboración co presidente do clúster, Pedro Iglesias, para impulsar o Plan 2 Millóns.

Do 5 ao 11 de abril, a I Semana galega da Actividade Física e a Saúde desenvolverá múltiples actividades para achegar a cidadanía a distintos xeitos de facer deporte.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e Benestar, Pedro Iglesias, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para favorecer a promoción da actividade física e dos hábitos de vida saudables entre a poboación galega. A sinatura tivo lugar no acto de presentación do Plan 2 Millóns, iniciativa na que a Xunta colabora co Clúster para acadar que 2 millóns de persoas fagan exercicio en Galicia de xeito habitual coa fin de mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación galega.

O Plan 2 Millóns artéllase arredor de cinco eixos estratéxicos, centrados na saúde e a comunidade, o deporte social, os espazos deportivos, a educación e formación e a contorna laboral, co obxectivo de promover a actividade física en diferentes ámbitos e ao longo de toda a vida. Para acadar esta meta, o plan aposta pola colaboración entre as administracións, o tecido deportivo, as empresas e as entidades sociais.

A primeira Semana Galega da Actividade Física e a Saúde será o principal evento anual de activación e visibilización do Plan 2M. Celebrarase do 5 ao 11 de abril de 2027 e contará con múltiples actividades nas que participarán concellos, centros educativos, clubs e outras entidades para achegar á cidadanía diferentes xeitos de facer deporte.

Durante a súa intervención, Diego Calvo destacou que Galicia supera a taxa española en deporte federado, con máis de 311.000 licenzas, e que o reto agora é trasladar eses bos datos ao conxunto da sociedade. Coa vista posta nese obxectivo, sinalou a necesidade de contar coas infraestruturas e as condicións necesarias para facilitar que o exercicio forme parte da rutina cotiá da poboación galega desde idades temperás e durante toda a vida.

Entre as iniciativas impulsadas na actualidade pola Xunta atópase o programa de deporte escolar Xogade, que alcanza xa a súa décimo oitava edición e que na pasada temporada chegou a 147.000 escolares, que protagonizaron más de 242.000 participacións.

Así mesmo, e xa na adolescencia, Adestrar sen pantallas propón alternativas de lecer activo fronte ao aumento do tempo dedicado ás pantallas, co obxectivo de favorecer hábitos saudables e manter a práctica de actividade física.

Diego Calvo resaltou que o obxectivo de chegar aos dous millóns de persoas facendo exercicio en Galicia require a colaboración dos diferentes ámbitos relacionados coa actividade física, desde o deporte e a saúde ata a educación, as administracións, as empresas e as entidades sociais, para facilitar que a cidadanía teña máis oportunidades de practicar exercicio con regularidade.

Relevante dimensión económica

O conselleiro incidiu así mesmo no papel da industria deportiva como dinamizadora económica e lembrou que, segundo a última Conta Satélite do Deporte, o sector deportivo en Galicia xerou no ano 2024 máis de 731 millóns de euros de valor engadido e máis de 17.200 empregos directamente vinculados ao deporte.