Nova
11/10/2024
Institucionais

Lete Lasa ratifica o compromiso da Xunta co atletismo vigués e coas pistas de Balaídos no centenario do Real Club Celta de Atletismo

Destaca o papel de dous piares fundamentais do Celta Atletismo como Manuel de Castro, Hándicap, que fundou o club en 1924 e Alfonso Posada, que o refundou en 1950

Vigo, 11 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da celebración dos cen anos do Real Club Celta de Atletismo, ‘O Noso Centenario’, nun acto no que estiveron presentes numerosos olímpicos do club celeste. Neste sentido, o mandatario galego destacou que, antes da creación da sección atlética do Celta, Galicia non contaba con ningún atleta olímpico e “hoxe xa son 35 os atletas galegos e galegas que suman medio centenar de participacións e éxitos”.

Lete Lasa lembrou aos atletas celtistas olímpicos ao longo da historia e tivo un recoñecemento especial para Carlos Pérez, Rogelio Rivas, Javier Álvarez ou Ramón Magariños as que definiu como catro tótems do atletismo vigués que dominaron este deporte nos anos 60 e sentaron as bases sobre as que camiñan todos os demais. Así, o secretario xeral destacou que, grazas ao traballo de todos, Galicia contou no atletismo destes Xogos Olímpicos de París con sete olímpicos, tres paralímpicos e dúas xuízas.

O responsable de Deportes insistiu, asemade, no papel de dous piares fundamentais do Celta Atletismo. Por unha banda, destacou á figura de Manuel de Castro, Hándicap, que fundou a sección de atletismo do Celta en 1924 tras o seu regreso dos Xogos Olímpicos de París. Pola outra, subliñou a importancia de Alfonso Posada que refundou o club de atletismo en 1950 tras uns anos sen actividade e adestrou aos primeiros celtistas olímpicos.

O secretario xeral para o Deporte resaltou o decidido apoio da Xunta ao atletismo galego e, nomeadamente, as súas infraestruturas como a pista da USC, a pista da AGASP, a primeira pista homologada na Mariña, a mellor pista cuberta de España en Ourense que xa acolleu tres campionatos absolutos ou o módulo cuberto en Ribeira, recentemente inaugurado. No caso de Vigo, lembrou a importancia da posta en marcha do módulo do IFEVI que permite que os atletas olívicos poidan adestrar todos os días do ano e urxiu ao alcalde a comezar, canto antes, a renovación das pistas de atletismo de Balaídos coas que a Xunta ratificou, unha vez máis, o seu férreo compromiso que data de 2014.