Lete Lasa recibe a camiseta conmemorativa ‘Leyenda’ do Club Baloncesto Vigo 3x3 e destaca o excepcional momento deste deporte en Galicia
O mandatario galego desexou a mellor das sortes ao equipo vigués que xogará na fin de semana do 24 e o 25 de maio polo título nacional en Xixón
Vigo, 5 de maio de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu no serán de hoxe a camiseta conmemorativa ‘Leyenda’ do Club Baloncesto Vigo 3x3 da man do seu presidente, Luis Guimeráns. O mandatario galego é a cuarta persoa que recibe este recoñecemento despois dos ex xogadores Nacho de la Fuente, Johnny Lamas e Lorenzo Pérez.
No acto celebrado no pavillón de baloncesto da Universidade de Vigo, Lete Lasa destacou o excelente momento que vive o 3x3 galego. O Vigo 3x3 formado por María Lago, Carla Fernández, Sara Fernández, Tatiana Casal e Laura Martínez, ocupa a cuarta posición da liga nacional feminina 3x3 e loitará polo título nas fase final que se celebrará en Xixón a fin de semana do 24 de maio. Alí tamén estará o Groinn Santa Baia de Boiro que ocupa a terceira posición da liga nacional masculina 3x3. A ambos clubs réstalles aínda unha xornada de liga antes de chegar ás finais.
Lete Lasa lembrou a importancia do nivel do 3x3 galego que é olímpico dende Tokio 2020. A pesar de non estar nesa selección olímpica que gañou a medalla de prata en París, a xogadora baionesa, Marta Canella, leva moitos anos axudando ao equipo nacional como, por exemplo, no Europeo de Francia de 2021 no que se colgaron o ouro. Do mesmo xeito, o responsable do Deporte galego destacou o papel do coruñés, Carlos Martínez, como un fixo da selección masculina.