A Xunta destaca a Volta Ciclista a Galicia como unha oportunidade para dar a coñecer novos talentos e equipos de primeiro nivel
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XXIII edición da competición, que entre o 11 e o 1 4 de setembro contará con 120 deportistas dunha vintena de equipos para percorrer máis de 430 quilómetros en catro etapas por unha trintena de concellos de Pontevedra, Lugo e A Coruña
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XXIII edición da Volta Ciclista a Galicia, que se disputará do 11 ao 14 de setembro. Na súa intervención, destacou que a competición é unha cita de referencia consolidada no calendario nacional na categoría elite sub-23. Nesta liña, engadiu que este evento servirá un ano máis de escaparate tanto para os novos talentos como para equipos de primeiro nivel galegos, nacionais e internacionais.
A edición deste ano consta de catro etapas e reunirá 120 corredores de preto dunha vintena de equipos galegos e doutras comunidades como Navarra, Castela e León, Estremadura, Cantabria, Aragón, así como doutros países como Portugal e Italia. As etapas sairán de Ribadumia, Caldas de Reis, Barreiros e Ferrol e suman máis de 430 quilómetros nunha trintena de concellos das provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña, aos que se une nesta ocasión San Tirso de Abres, en Asturias.
Lete Lasa incidiu no labor desenvolvido pola Federación Galega de Ciclismo para a organización dunha nova edición, así como o feito de aproveitar cada ano para conmemorar unha figura do ciclismo galego. Neste ano rendese homenaxe ao ciclista Samuel Blanco, que anunciou este ano a súa retirada e do que destacou fitos como a vitoria no Gran Fondo Ézaro en 2021 tras acadar o título de campión de España Elite no exercicio anterior. O secretario xeral para o Deporte subliñou que a súa traxectoria súmase á doutros nomes propios do ciclismo galego como Delio Fernández, Álex Marque ou Óscar Pereiro.
Ademais, lembrou que Galicia se converteu nos últimos anos nun dos escenarios habituais do gran ciclismo, con citas como O Gran Camiño, o Gran Fondo Ézaro e a propia Volta Ciclista a Galicia, ademais de ser paso habitual da Vuelta a España, que visitou a comunidade en máis de 30 ocasións na última década. De feito, a próxima semana volverá pasar pola comunidade con etapas en Monforte, de Poio a Mos ou desde O Barco de Valdeorras.
A Xunta mantén o compromiso para acompañar a deportistas, clubs e demais entidades que representan ao ciclismo galego, tal e como sinalou Lete Lasa, que tamén destacou o patrocinio e a organización de probas coma a Volta Ciclista a Galicia. Ademais, puxo en valor o impacto turístico e económico que supón para os concellos polos que discorre a proba. Por iso, animou aos afeccionados, á veciñanza e aos visitantes a converter cada etapa nunha auténtica festa do ciclismo galego.