Nova
14/07/2021
Institucionais

31 equipos da área de Santiago, 46 da Coruña e 19 de Ferrol levan máis de 1,2 millóns de euros do Plan de Patrocinio da Xunta

O plan comezou na tempada 2009/2010 con 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición e 3,15 millóns de euros

En setembro de 2021 aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns

Santiago, Ferrol e A Coruña, 14 de xullo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en A Coruña, Gonzalo Trenor López, asinou ao longo do día de hoxe os contratos de patrocinio cos equipos das áreas de Santiago, Ferrol e A Coruña participantes no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego. O secretario xeral destacou a importancia dos 31 equipos de Santiago e a súa área (20 masculinos e 11 femininos) que reciben máis de 440.000 euros (442.642,16 euros), o que representa máis do 14% de todo o plan. No caso da área da Coruña, os seus 46 equipos patrocinados (26 masculinos, 19 femininos e 1 mixto) representan ao 20% dos equipos patrocinados de todo o plan e levarán un total de máis de 540.000 euros (542.291,05 euros). Os 19 equipos da área de Ferrol (11 masculinos, 7 femininos e 1 mixto) suman un importe de máis de 250.000 euros (255.245,63 euros). En representación de ABANCA, estiveron presentes no acto de Santiago o director da zona do Barbanza, Jesús Soto; no acto de Ferrol, o director da zona de Ferrol, Rafael Montero; no acto de A Coruña, asistíu Mónica Buño, directora da zona de A Coruña.

Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.

O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.

Un centenar de equipos da provincia da Coruña

Os 31 equipos de Santiago e a súa área patrocinados nesta edición 2021 son o Instituto Rosalía, CB Peleteiro e Obradoiro CAB (baloncesto); a Asociación Club Leones de Santiago BBC e a Escola de Béisbol e Sófbol Os Tilos Teo (béisbol); o Victoria C.F., SD Compostela e o Club Deportivo Conxo Santiago (fútbol); o Santiago Futsal e o Noia Fútbol Sala (fútbol sala); o Club Voleibol Bruxas, Club Voleibol Cabo de Cruz e o Club Voleibol Dumbría (voleibol); o Espedregada TM e o Arteal Tenis de Mesa (tenis de mesa); o Club de Remo Cabo da Cruz (remo); o Club Tríatlon Arcade Santiago feminino e masculino, Club Olímpico de Vedra feminino e masculino, e o Club Tríatlon Compostela (dúatlon); o Club Triatlón Arcade Santiago feminino e masculino; Club Olímpico de Vedra feminino e masculino e a Sociedad Deportiva e Cultural Natación Boiro (tríatlon); o Club Piragüismo Rías Baixas feminino e masculino (piragüismo sprint); o Club Ciclista Padronés (ciclismo) e mais o Club San Francisto Teo feminino e masculino (karate).

Os 46 equipos de Coruña e a súa área patrocinados son Maristas Coruña, Leyma Coruña, EB Xíria, CB Culleredo e Club Sto Domingo Betanzos (baloncesto); Club Béisbol e Sófbol Cambre feminino e masculino e Druidas BC (bésibol e sófbol); Deportivo Abanca, Victoria C.F., Deportivo Abanca B, RC Deportivo, Ural Español C.F., Club Deportivo Calasanz e RC Deportivo xuvenil (fútbol); Viaxes Amarelle FSF (fútbol sala); HC Borbolla, Hockey Club Liceo feminino e masculino e Hockey Club Compañía de María (hóckey patíns); CRAT - Residencia Rialta (rugby); Autos Cancela Zalaeta e  Calasancias Coruña (voleibol); Club de Pelota La Coruña (pelota); Triatlón Arteixo Dúatlon e  Triatlón Arteixo masculino e feminino (tríatlon); 100Tolos espada feminino e masculino, Club Esgrima Coruña feminino e masculino e 100Tolos florete (esgrima); Club Halterofilia Coruña A feminino e masculino, Club Halterofilia Coruña B feminino e masculino e Club Halterofilia Sulyos;  Club Sada Patín feminino e masculino (patinaxe); Club Náutico Firrete feminino e masculino e Club Ría de Betanzos feminino e masculino (piragüismo sprint); Clube Ximnasia Tempo e Ximnasia Acordes (ximnasia) e Club Ciclista Riazor (ciclismo adaptado).

Os 19 equipos de Ferrol e a súa área patrocinados son o Baxi Ferrol e o CB Costa Ártabra (baloncesto); o Abeconsa Basketmi Ferrol (baloncesto en cadeira de rodas); o Racing Club de Ferrol S.A.D. e o Racing Club xuvenil (fútbol); o Valdetires Ferrol FSF, A Fervenza FSF e O Parrulo FS (fútbol sala); o Club Rugby Ferrol (rugby); CTM Cidade de Narón feminino e masculino (tenis de mesa); Club Copacabana (piragüismo caiac polo); o Club de Remo de Ares (remo); o A.D. Náutico de Narón e o Triatlón Ferrol (dúatlon); o A.D. Náutico de Narón, Agrupación Deportiva Náutico de Narón e o Club Triatlón Ferrol (tríatlon); e mais o Club de Atletismo Ría Ferrol (atletismo).

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral para o Deporte