Nova
14/06/2023
Institucionais

800 deportistas de 34 países confirmarán a Galicia como o epicentro da loita no Campionato Europeo sub 20 de Compostela

Lete Lasa lembra a pasada edición do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas, celebrado en 2019 en Pontevedra, así como a realización de nove mundiais de Loitas Olímpicas Sub23, Grappling e Grappling Gi U17, U20 e absoluto que reuniron en Pontevedra a 1.800 deportistas o ano pasado

Santiago, 13 de xuño de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar o Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas que terá lugar en Santiago de Compostela do 26 de xuño ao 2 de xullo.

Lete Lasa destacou a importancia de que Galicia acolla de novo un evento de primeira magnitude internacional que achegará á capital galega a uns 800 deportistas de 34 países porque “supón un escaparate para nosa comunidade autónoma, de visibilización da nosa capacidade organizativa, polo que supón tamén de posta en valor da idoneidade dos eventos deportivos como movilizadores económicos e sociais dun país, e, como non, unha gran satisfacción pola referencia que é, a alta competición, para as novas xeracións de deportistas”.

Neste sentido, o mandatario galego lembrou a pasada edición do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas, celebrado en 2019 en Pontevedra, así como a realización de nove mundiais de Loitas Olímpicas Sub23, Grappling e Grappling Gi U17, U 20 e absoluto que reuniron en Pontevedra a 1.800 deportistas o ano pasado.

O secretario xeral desexou a mellor das sortes aos competidores galegos como Alessandro e Moisés, deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, así como ao árbitro galego Marcos Araújo. Ao fío desta idea destacou o nivel da loita en Galicia que conta con 1.360 deportistas, entre os que se atopan os 5 ouros do pasado Campionato de España masculino e feminino absoluto 2023, ou os 16 deportistas do CGTD, así como os 500 nenos e nenas loitadores de entre 6 e 16 anos que participan do programa autonómico do XOGADE.