Nova
03/06/2019
Institucionais

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para o recoñecemento como deportista galego de alto nivel relativo ao mes de xuño

No momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos e galegas de alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres) son deportistas con discapacidade

Santiago, 3 de xuño de 2019.- A sede electrónica da Xunta abriu o pasado 1 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para o recoñecemento como deportista galego de alto nivel (DGAN). Segundo a resolución do 14 de maio de 2018, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante os meses de xuño e novembro, como acontece en cada ano natural. Deste xeito, o prazo de presentación de solicitudes deste primeiro proceso de xuño remata o vindeiro 1 de xullo de 2019.

No momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos e galegas de alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres) son deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004.

Tal e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz a finais do presente ano e neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.

A Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.