Nova
05/06/2025
Institucionais

Aberto o prazo de solicitudes para as subvencións de equipamentos deportivos que contará cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través DA sede electrónica da Xunta e o prazo de presentación será dun mes, contado a partires de mañá

Santiago, 5 de xuño de 2025.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. En total contará cun orzamento de preto 1,5 millóns de euros (1.440.000 euros) para os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas que poderán recibir anticipos dos pagamentos ata ao 100% da subvención concedida.

O crédito distribuirase en dúas liñas en función da natureza dos destinatarios. A primeira delas será para os clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas (1.162.000 euros), mentres que a segunda será para as federacións deportivas (278.000 euros). Dentro de cada unha das liñas, destinarase ata un 40% do crédito para a adquisición de equipamento destinado á mobilidade como son as ‘furgonetas e vehículos a motor de transporte de deportistas e material de competición e adestramento como embarcacións’.

En ambas as dúas liñas subvencionarase ata un máximo de 10.000 euros para o equipamento destinado a mobilidade e ata un máximo de 5.000 euros para o resto do material. En total, a Xunta sufragará o 80% do custo do equipamento subvencionado. O prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación será ata o 31 de outubro de 2025.

Cómpre salientar que esta liña de subvencións para equipamento deportivo chega despois de que en 2023 se levase a cabo a primeira orde específica para equipamentos de deporte adaptado pola que se concederon axudas por importe de 227.000 euros. Con anterioridade, en 2022, a Xunta acadou o récord histórico de investimento neste sentido con máis de 4,6 millóns de euros para equipamentos deportivos. En total, dende o exercicio 2019 e sumando esta nova liña, o Goberno galego destinou un total de 12 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación será dun mes, contado a partires de mañá.