Nova
07/06/2021
Institucionais

Aberto o prazo para a formulación das solicitudes ao Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia 2021

O prazo máximo para a presentación das solicitudes será de sete días naturais contado dende a propia data de recepción da invitación, do 4 ao 10 de xuño, ambos inclusive

Santiago, 5 de xuño de 2021.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar este xoves o anuncio do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia do exercicio de 2021. En total, serán 238 equipos invitados (129 masculinos, 102 femininos e 7 mixtos) e contará cun financiamento de 3,15 millóns de euros (3.146.000 euros).

Cómpre destacar que, grazas á colaboración da Axencia Turismo de Galicia e ABANCA, o vindeiro Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, correspondente ao exercicio de 2022, sumará un total de preto de 3,9 millóns de euros (3.872.000 euros). En total, desde a primeira edición do plan no curso 2009/2010, os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 33 millóns de euros.

A entidade invitada a tomar parte no procedemento presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo máximo para a presentación das solicitudes será de sete días naturais contado dende a propia data de recepción da invitación, do 4 ao 10 de xuño, ambos inclusive.