Nova
30/12/2020
Institucionais

Adxudicado o proxecto de construción do parque acuático de Monterrei por 193.000 euros e un prazo de execución de 17 semanas

  • A zona deportiva, xa rematada e en uso, alberga un pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo

Santiago, 30 de decembro de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de adxudicar na mañá de hoxe o servizo de redacción do proxecto de construción do parque acuático no Complexo lúdico deportivo de Monterrei no Concello de Pereiro de Aguiar (Ourense). O importe de licitación da redacción do proxecto alcanzaba os 251.415 euros e finalmente foi adxudicado por un importe de 192.995 euros. A empresa adxudicataria é NAOS 04 Arquitectos e o prazo de execución será de 17 semanas.

Tal e como informou o secretario xeral para o Deporte na súa última visita ao complexo ourensán, o proxecto da parte acuática foi adxudicado no último trimestre de 2020. Cómpre lembrar que o proxecto consta de tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina. Durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas. O orzamento da parte acuática alcanzará os 8.809.566,35 euros.

A reforma do Complexo Deportivo de Monterrei contará cunha zona deportiva e unha zona acuática como dous partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xunta de Galicia e Deputación de Ourense.

A pesar da pandemia provocada pola Covid-19, o Goberno galego continúa coa folla de ruta marcado para a realización das obras e confía en cumprir con todos os prazos. A devandita zona deportiva, xa rematada e en uso, alberga un pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo.