Nova
27/07/2019
Institucionais

Asinado o contrato de patrocinio do V Torneo EncestaRías que se consolida como un campionato que xunta equipos de calibre internacional

O campionato terá lugar os vindeiros 6 e 7 de setembro no pavillón de Fontecarmoa

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou con Diego Doval, en representación da entidade ADC EncestaRías o contrato de patrocinio polo que a Xunta de Galicia financia a quinta edición do Torneo EncestaRías cunha axuda de 2.000 euros. O campionato terá lugar os vindeiros 6 e 7 de setembro no pavillón de Fontecarmoa.

Nas súas verbas, o mandatario galego destacou o “grande nivel baloncestístico de toda Galicia que ten en Vilagarcía un dos seus berces e que grazas a eventos coma este torneo permiten que a calidade do deporte galego siga medrando sen coñecer teito”. Do mesmo xeito, Lete Lasa destacou a importancia deste torneo que consolida o seu cartel con equipos de “calibre internacional” e garantiu “o espectáculo que ano tras ano dan os equipos de primeira orde que disputan este torneo”.

Lete Lasa destacou a importancia do Campus EncestaRías, celebrado do 7 ao 13 de xullo para rapaces de 12 a 20 anos e que vén de consolidarse nesta segunda edición como unha iniciativa en prol do deporte base. O secretario xeral utilizou o exemplo que nos serven os máis pequenos xa que das 14.178 licenzas galegas de baloncesto, máis do 38% son de mulleres, unha porcentaxe que aumenta no programa Xogade xa que dos preto de 130.000 nenos e nenas, o 14% practica baloncesto e destes, o 43,5% son nenas.

O secretario xeral lembrou que neste 2019 a Xunta incrementa o convenio coa Federación Galega de Baloncesto que alcanza, sumada a axuda de Igualdade, os 288.822,47 euros, un 40% más que en 2018.