Nova
20/08/2019
Institucionais

Asinado o convenio de colaboración co Concello de Vilanova para a mellora da accesibilidade no edificio multiúsos por un importe de 40.000 euros

O secretario xeral sinalou a importancia dun “deporte de todos e para todos” polo que estas obras de accesibilidade marcan unha “clara aposta pola igualdade no deporte, tanto no que atinxe aos practicantes como aos espectadores”

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de agosto de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou o convenio de colaboración co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para realizar obras de mellora da accesibilidade e a instalación dun ascensor no edificio multiúsos.

Segundo o acordo asinado hoxe, a cantidade total da obra ascende a 38.962 euros. A Secretaría Xeral para o Deporte, achegará a 20.000 euros na presente anualidade, mentres que o Concello de Vilanova achegará a cantidade restante no mesmo exercicio. O período de vixencia do convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2019.

O secretario xeral sinalou a importancia dun “deporte de todos e para todos” polo que estas obras de accesibilidade marcan unha “clara aposta pola igualdade no deporte, tanto no que atinxe aos practicantes como aos espectadores”.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.