Nova
21/08/2019
Institucionais

Asinado o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ponteceso para a construción dunha pista de pádel en Corme

Segundo o acordo asinado hoxe, a pista de pádel contará cun orzamento de 36.321,28 euros achegados na súa integridade pola Secretaría Xeral para o Deporte

Ponteceso (A Coruña), 21 de agosto de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello coruñés de Ponteceso onde asinou co seu alcalde, Lois García, o convenio para a construción dunha pista de pádel na vila de Corme. Segundo o acordo asinado hoxe, a pista de pádel contará cun orzamento de 36.321,28 euros achegados na súa integridade pola Secretaría Xeral para o Deporte.

O secretario xeral destacou o crecemento dun deporte “en auxe” como o pádel que empasta á perfección coa máxima da Secretaría Xeral para o Deporte que avoga polo “deporte para toda a vida”. Así mesmo apuntou que “a oferta de instalacións deportivas do Goberno autonómico sempre será coherente coas demandas da poboación coa fin de que cada vez máis persoas practiquen actividade física”.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, a provincia da Coruña verase beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.